O grupo municipal de Espazo Común do Carballiño vén de presentar unha moción na que solicita “se constitúa unha comisión de investigación con presenza de tódolos grupos municipais da Corporación para esclarecer tódolos feitos e decisións que levaron á corrupción do espírito orixinal do Asilo do Carballiño”. Asemade, demandan que “se retrotraian tódalas decisións tomadas con premisas mercantilistas e se volte a xestionar o Asilo do Carballiño coma unha institución sen ánimo de lucro e de apoio aos máis desfavorecidos da nosa comarca”.
Esta formación política lembra que, nos últimos cinco anos, privatizouse a xestión desta residencia xeriátrica e foi transformada nun negocio, cambios que foron impostos polo padroado da Fundación Irmáns Prieto, “coa presenza e complicidade necesaria do alcalde do Carballiño, un dos tres patronos que dirixen dito estamento, é dicir, unha das tres únicas persoas con voz e voto en todo este desagradable cambio de timón na xestión do Asilo“.
A Corporación municipal do Carballiño tamén debatirá mañá outra proposta de Espazo Común, que foi retirada da orde do día por este grupo nas sesións plenarias de novembro e decembro, e na que solicitan que “se execute con urxencia a obra de ampliación do túnel dos Catro Camiños para gañar unha gran cantidade de solo público para novas infraestruturas”. Espazo Común lembra que “a súa construción xa foi autorizada polo ADIF dende o ano 2009, e dende o 2010 existe xa un proxecto redactado só é necesario que o Concello se poña máns á obra para a súa execución“.
Coa execución deste proxecto “os pequenos parques actuais situados a ambos lados da estrada, chegarían a unha superficie de arredor de 5.000 metros cadrados, permitindo ubicar neles zonas verdes, un gran parque infantil e zonas de ocio para xente de tódalas idades e incluso novas prazas de aparcamento moi necesarias na contorna“, conclúen.