O “Festival Máxico San Juan Bosco” comeza mañá no Carballiño e terá continuidade ata o vindeiro domingo, organizado polo colectivo de magos e ilusionistas nesta edición correspondente a 2025. O evento, que acollerá as actuacións de 14 magos e a presencia de outros 30 chegados de diferentes puntos de Galicia, foi presentado o pasado martes polo concelleiro de Cultura, Diego Fernández, e os magos Grand Martin e Ninou, dous dos seus promotores. Na xornada de mañá, venres, oficiarase ás 19,00 horas unha misa na honra de San Juan Bosco no templo parroquial da Veracruz, e dende as 20,30 horas está programada no Café Bar Lérida a gala de apertura do evento, coa participación dos magos Maika, José Rivera e Deimi.
O sábado, de 16,30 a 18,00 horas, está prevista a celebración dun obradoiro de maxia no Hotel Restaurante O’Xardín, que correrá a cargo de Fernando Izquierdo Moreno, Magoninou e Antonio Medina Caro (Toneco). Tódalas persoas interesadas en participar nesta sesión de formación, orientada a maiores de cinco anos, poden inscribirse mediante o pago dunha cuota de 15 euros. De seguido, ás 18,30 horas, e na mesma ubicación, haberá unha ‘Gala familiar’ cos magos Fernando Moreno, Guto e Daniel (O Mago da Boina). O festival trasladarase, á medianoite, ata a Cafetería Casino, cunha ‘Hora máxica’ protagonizada polos magos Alberto, Richard e Ninou.
Na derradeira xornada do domingo 2 de febreiro, os ilusionistas terán a oportunidade de asistir, no Hotel Restaurante O’Xardín, ás 11,00 horas, a unha conferencia de Armando Gómez, e logo reunirse nun ‘máxicocido’ ou xantar de confraternidade a partir das 14,00 horas. O festival rematará ás 18,00 horas, na Casa da Cultura do Carballiño, coa gala de clausura, na que se poderán presenciar as actuacións de O Mago, David Méndez e Armando Gómez. Dende a organización lémbrase que a asistencia a tódalas galas é de acceso totalmente libre e gratuíto.