O PSDEG-PSOE NON COLABORARÁ NO BALEIRADO DA CULTURA QUE PROPÓN D O, COA LIQUIDACIÓN DE LIBROS FRONTE A SALA VALENTE

IES CHAMOSO LAMAS

Rexeitan a invitación ao reparto de libros de certames anteriores, proposto polo goberno municipal de DO e PP, como única iniciativa para conmemorar o Día das Letras Galegas
Propoñen ao alcalde que aproveiten o espazo dispoñible na sala Valente para expoñer a obra de Carballo Calero, Vicente Risco e Ángel Valente, en lugar de utilizar os seus nomes como pretexto para continuar o desmantelamento da cultura na cidade

O PSdeG-PSOE manifesta o seu rexeitamento á oferta realizada polo goberno municipal de Democracia Ourensana e Partido Popular “de liquidación dos libros que lles sobran do almacén, acumulados durante os últimos anos, para baleirar a cultura de salas como a Ángel Valente”, mediante unha carpa instalada fronte ao emblemático edificio da capital ourensá.
Os socialistas responden así á invitación de Democracia Ourensana de colaborar, este domingo, no reparto de obras gañadoras de certames celebrados en anos anteriores dos premios Vicente Risco de Creación Literaria e de Poesía da Cidade de Ourense, a través dunha carpa instalada fronte a Sala Valente.
“Parécenos un insulto que se invite aos partidos da oposición a un acto, onde o mellor que se lles ocorre para celebrar o Día das Letras Galegas sexa pedirnos que colaboremos no reparto entre a veciñanza de obras que non souberon promocionar no seu día, que logo foron acumulando en diversos espazos, e que agora pretenden baleirar para encher de papeis e carpetas administrativas”, aseguran os socialistas, en alusión á Sala Valente.
O PSdeG-PSOE critica que Democracia Ourensana “pretenda desfacerse deste xeito tan vulgar do que lles estorba, rescatando do fondo do armario obras literarias, no canto de conmemorar e promocionar a obra de Ricardo Carballo Calero”, e “que por enriba o fagan en nome de Vicente Risco e Ángel Valente”.
“Este é o neorrealismo e espectáculo político que amosa o grupo de goberno”, aseguran os socialistas, en alusión á obra de Carballo Calero, e propóñenlle ao alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, “que mellor utilicen a sala Valente para expoñer a obra gráfica de Vicente Risco, antes de proceder ao seu desmantelamento definitivo”, unha “noticia que se divulga con relativo sigilo, ante un hecho que carece de testigos”, rematan dende o PSdeG-PSOE, parafraseando os versos de Valente do seu poema “El crimen”.

HIPER MASIDE