O Bloque Nacionalista Galego vén de presentar unha Proposición Non de Lei no Parlamento galego na que demanda que a Xunta asuma as súas responsabilidades en relación aos Conservatorios Municipais de Música. A deputada Cristina Fernández Davila denunciou que o goberno do PP “está desentendéndose” dunha competencia que lle corresponde, forzando aos Concellos a asumir uns custos inasumíbeis para manter estes centros educativos esenciais para a formación musical do país. Na actualidade existen en Galiza 23 conservatorios municipais que imparten ensinanzas regradas de grao profesional.
Un destes, é o Conservatorio do Carballiño, que depende economicamente do Concello, a pesar de contar con alumnado procedente de diferentes localidades, xerando desigualdades evidentes con respecto aos conservatorios de titularidade autonómica, situados nas cidades e financiados pola Xunta. “As taxas nos conservatorios municipais son moito máis elevadas porque os Concellos deben cubrir os gastos, sen ningunha axuda da Xunta”, sinalou Fernández Davila. Ademais, a falta de acceso ás listaxes de profesorado da Consellaría de Educación dificulta a substitución de docentes, provocando unha perda de clases que prexudica gravemente ao alumnado.
Ante esta situación, o BNG insta ao Goberno galego a asumir a súa competencia en materia de educación musical e integrar os conservatorios municipais na súa rede de centros, así como convocar axudas para os Concellos que actualmente sosteñen estes centros, garantindo recursos para persoal, material e infraestrutura. Fernández Davila salientou “a importancia de escoitar ás direccións dos centros, ás comunidades educativas e aos Concellos para avanzar cara á súa integración na rede pública”.
O BNG defenderá esta proposta no Parlamento galego, exixindo que o Goberno do PP rectifique e cumpra coas súas obrigas en materia de ensino musical en Galiza. A portavoz de Educación do BNG destacou que “non é asumible que a Xunta siga trasladando aos Concellos os custos dunha competencia que lle pertence”. Para a deputada nacionalista a formación musical “é esencial e debe ser garantida pola administración autonómica, sen discriminar ao alumnado polo seu lugar de residencia”.