Ribeiro en Común demanda máis recursos para as canceiras e un maior apoio ás asociacións de benestar animal

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Ribeiro en Común anunciou que rexistrará iniciativas, tanto na Deputación de Ourense coma no Concello de Ribadavia, facendo propias as peticións dos colectivos animalistas e as denuncias realizadas, solicitando un cambio urxente nas canceiras provinciais, xa que, entenden, “o modelo de benestar animal do PP dista moito dos mínimos valores de respecto as mascotas e animais abandonados”. Neste sentido, defenden que a política de canceiras da Deputación debe ser modificada radicalmente, “con máis persoal cualificado e máis recursos, porque, se ben aínda que existindo moi boas excepcións, son unha auténtica vergoña e unha crueldade que non se debe permitir”.

Por elo consideran que “os grupos con representación na Deputación deberían esixir desde xa un cambio urxente nas políticas de protección de animais abandonados”. Neste sentido, dirixirán un escrito á Deputación para reclamar un cambio de raíz na xestión das canceiras, así como unha maior dotación de recursos provinciais, agardando que os grupos con representación na Deputación continúen esta reivindicación necesaria. “A alimentación, custodia, coidado e a política de sacrificio debería mudar 180º na xestión provincial, tal e como levan tempo denunciando colectivos cidadáns”, apuntan dende Ribeiro en Común.

A nivel local, esta formación política solicitará que no orzamento de 2025, o Concello de Ribadavia “volte subir a partida para coidado e esterilización de colonias de gatos, tras o recorte do 50% que fixo o goberno do PP ao chegar ao goberno municipal”. Ribeiro en Común subliña que, “en Ribadavia, ademais de ser unha labor inconmensurable a que realiza a asociación Micos da Vila, e non a administración, o Concello, por riba, recortou á metade a partida que estaba establecida durante o noso goberno”.