As e os socialistas do concello de Ourense conseguiron que se aprobase a súa iniciativa para insistir nunha xestión pública e directa do Capd e instar ao PP a que recúe na súa decisión

Ogallá rectifiquen. Saben vostedes que as familias e afectados están fartos de escoitar “calidade”, “garantías”, “vangarda”? Eles coñecen perfectamente como funcionan os centros públicos e privados. E esta instalación non vai responder ás expectativas”, exhortou a portavoz aos e ás edís do grupo popular

Tamén lograron o apoio á súa iniciativa para que se atendan as demandas e necesidades de accesibilidade, aparcamento ou zonas verdes e deportivas da veciñanza do barrio de Vistahermosa

Ourense, 7 de febreiro de 2025. O PSdeG-PSOE do Concello de Ourense logrou a aprobación das dúas iniciativas que defendeu no pleno ordinario desta mañá: a primeira, para insistir en que a xestión do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) sexa pública e directa (con profesionais da Xunta de Galicia) tal e como acontece no resto de provincias galegas; a segunda, para que as demandas respecto a aparcadoiro, accesibilidade ou zonas verdes e deportivas do barrio de Vistahermosa sexan atendidas á maior brevidade por parte do executivo de Gonzalo Pérez Jácome.

No que atinxe ao CAPD, a portavoz do grupo municipal socialista, Natalia González Benéitez, incidiu en que o feito de que a conselleira de Política Social, Fabiola García, non recibise nunca ás familias afectadas para dar explicacións e informalas, pese a solicitar en reiteradas ocasións unha reunión coa máxima responsable da carteira, dá conta do menosprezo por parte do goberno autonómico do PP respecto aos pais, nais e futuros usuarios e usuarias destas instalacións. “Este tema conforma unha cuestión de xustiza social e unha demanda histórica para Ourense. A reivindicación non ten só unha década. Moitos proxenitores levan case 40 anos loitando, con coñecemento de causa, por un centro totalmente público

“Hai que enfrontarse a cuestións que pagan a pena, independentemente do que pense o noso partido. Ogallá rectifiquen. Saben vostedes que as familias e afectados están fartos de escoitar “calidade”, “garantías”, “vangarda”? Eles coñecen perfectamente como funcionan os centros públicos e privados. E esta instalación non vai responder ás expectativas”, exhortou a portavoz aos e ás edís do PP sinalando as cortinas de fume do executivo autonómico para non recoñecer que non cumprirán co que prometeron.

“Estase a faltar coa palabra dada aos afectados e afectadas”, lamentou a voceira logo de que todas as formacións políticas, incluido o PP, asinasen hai anos un compromiso coa plataforma ProCAPD conforme a que sería de xestión pública e directa. “Nin sequera foron quen de dar a cara no Parlamento para render explicacións hai uns días”, afeou aos e ás integrantes do grupo municipal popular despois de que se debatera o mesmo asunto na cámara galega e non intervise ningún deputado da provincia.

A outra iniciativa dos e das socialistas persegue que se estude a viablidade dun novo aparcadoiro, unha área de xogo infantil ou a mellora da accesibilidade en diferentes rúas do barrio de Vistahermosa, logo de manter un encontro recentemente na asociación de vecinos e veciñas desta zona da cidade. “O abandono que padecen os barrios e zonas rurais de Ourense nos últimos anos é indiscutible. Nunca estiveron en peores condicións que na actualidade. Quizais se deba a que poñen as súas ansias e os seus esforzos noutros lugares”, recriminou a tamén secretaria xeral do PSdeG na cidade.

“As demandas da veciñanza non requiren un gran gasto para as arcas públicas. E só houbo que poner o foco neste bario, por parte do grupo municipal socialista para que se achegasen a resolver algunhas cuestións que non responden ás necesidades e só son parches. Agradecémosllo, pero non resolve nada para Vistahermosa”, ironizou a voceira na súa intervención ao respecto da actuación do executivo local.

“A súa obriga é traballar para todos e para todas, tanto se viven nun barrio, como nunha zona rural ou na rúa do Paseo. E iso, e os datos están aí, non o fan. Estas semanas foron a podar unha árbore que levaban anos pedindo que podaran porque o Partido Socialista traía esta moción ao pleno. Fai falta máis vontade política e compromiso porque todos os ourensáns e ourensás da cidade pagan os mesmos impostos”, argumentou.

Sobre a Conta Xeral

“A Conta Xeral é o documento no que o goberno municipal pon de manifestó en que gasta e a que se adican os fondos públicos que ten este Concello. E se dende un punto de vista técnico está elaborada polos servizos municipais e non hai nada que dicir, aínda que deberíamos recordar que Democracia Orensana nunca apoiou a súa aprobación cando non gobernaba, si que é certo que dende un punto de vista político se poden analizar todos aqueles gastos e como executa o orzamento”, destacou a edil do PSdeG María Fernández Ojea.

Deste xeito, argumentou a abstención do grupo socialista na tardanza coa que se presentou o documento –que tiña que ser levada a pleno en xuño do ano pasado e presentada ante o Tribunal de Contas antes do 15 de outubro– e que este feito imposibilita ao Concello de Ourense para pedir algunhas subvencións. 

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------