O Concello do Carballiño destina 7.590 euros en premios para o desfile de comparsas do ‘Martes de Entroido’

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O Concello do Carballiño avanzou as bases do ‘Concurso-Desfile do Entroido 2026’, que ten como finalidade premiar o esforzo, traballo e animación que realizan as agrupacións que participarán no mesmo o día 4 de marzo, martes, baixo a organización da Concellería de Cultura. A participación está aberta a tódolos colectivos (asociacións xuvenís, culturais, veciñais, etc.; grupos, pandillas, colexios…) que o desexen, pero sempre cuns criterios obrigatorios fixados dende este departamento municipal. Así, as comparsas inscritas no estarán obrigadas a desfilar nesa data do Martes de Entroido, estando unha hora antes para a súa organización, agás que por motivos de climatoloxía ou outros, o desfile sexa adiado ao 9 de marzo (Festa da Cachucha) ou calquera outra data acordada pola organización.

A organización comprobará no lugar de saída do desfile a presencia das agrupacións conforme a ficha de inscrición presentada, e será moi estrita coa puntualidade das comparsas na hora de saída do desfile.  Todas as comparsas que participen deberán estar compostas, como mínimo de 15 persoas, sen límite de cantidade máxima. Para circular dentro do circuíto pechado ao tráfico, a carroza e o vehículo que a arrastre non estarán obrigados a ter as autorizacións necesarias para aqueles vehículos que sí circulen por vías abertas ao tráfico. Así mesmo non se permitirá a condución de carrozas dentro do circuíto a persoas que presenten síntomas
evidentes de estar baixo os efectos de bebidas alcohólicas ou outras drogas, tendo en conta que as carrozas non poderán exceder unha altura máxima de 3,9 m de altura.

Estará prohibido utilizar calquera animal vivo e/ou elemento que se considere perigoso sen o permiso correspondente por parte da organización. Para elo, debe facelo constar no momento da inscrición os permisos correspondentes. Deberase facer constar a categoría dos elementos pirotécnicos (categoría I ou II) e só se poderán facer uso dos mesmos na Rotonda da Alameda. Tamén se contempla a obrigatoriedade de asistencia ao acto de entrega de premios que terá lugar o propio día do desfile. Cada comparsa farase responsable dos seus actos e deberán obedecer as instrucións que se lle indiquen dende a organización, Policía Local e Protección
Civil durante todo o percorrido. As inscricións levaranse a cabo nas oficiñas do departamento de Cultura do Concello nun prazo improrrogable ata o día 1 de marzo de 2025, en horario de oficina (de 9,00 a 14,00 horas) e presentaranse no rexistro municipal.

O xurado estará integrado polo concelleiro de Cultura coma presidente; un membro de cada grupo político da Corporación; representantes do sector comercial, movemento veciñal e dos colectivos culturais, e unha traballadora do Concello coma secretaria. Será o encargado de puntuar as agrupacións participantes, establecéndose un total de oito primeiros premios, de 1.300, 1.000, 800, 400, 350, 300, 250 e 200 euros, respectivamente.

Un representante de cada comparsa que participe no desfile será o encargado de seleccionar cos seus votos á que consideren mellor comparsa, que recibirá un galardón especial de 300 euros. Tamén se concederán 12 accesits de 120 euros para as comparsas que non acaden ningún dos premios anteriores.

Finalmente, nas bases da convocatoria contémplase que as cinco primeiras comparsas gañadoras terán un incremento de 250 euros cada unha delas, sempre que participen no desfile do día 9 de marzo (Festa da Cachucha). Dada a non obriga da participación neste desfile do domingo, en caso de que algunha delas non o desexe, poderáselle ofrecer á seguinte na clasificación.