Espazo Común rexistra no Concello do Carballiño a documentación sobre a “trama” que denuncian na contratación da xestión da auga

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Seis días despois da denuncia feita polo grupo municipal de Espazo Común do Carballiño sobre o conflito de intereses dalgúns membros da mesa de contratación para a xestión do ciclo da auga, esta formación política vén de presentar no Rexistro do Concello toda a documentación anunciada. A presenza na comisión seleccionadora dun funcionario da Deputación de Ourense, Javier Bobe, que tamén é conselleiro da sociedade Aquaourense, participada por Viaqua, unha das empresas que concorren á adxudicación, espertou sospeitas en Espazo Común, que cualificaron o proceso de “unha trama”, urdida polo presidente provincial Luis Menor coa connivencia do grupo popular na Corporación, cuxo voceiro, José Castro-Gil, “foi quen de vetar a representación política na mesa de contratación”.

Según a formación que lidera Manuel Vázquez, “a pesares de que pode que esteamos ante o maior escándalo na historia democrática do Concello do Carballiño, ao quedar demostrado que algúns representantes públicos pretendían manipular o contrato dos 60 millóns de euros da auga, tanto o goberno PP-PSOE coma a Deputación de Ourense seguen sen dar unha soa explicación á cidadanía”. Engaden que “é dunha gravidade extrema que, a estas alturas, ninguén saíra a dar respostas aos veciños sobre o que semella unha trama organizada para teledirixir este proceso”.

Por iso, esta mañá, os membros do grupo municipal de Espazo Común rexistraron a documentación “que acredita estes feitos para que se tomen as medidas oportunas con urxencia”. Esta información está dirixida ao alcalde, secretaria, tesoureira, membros da mesa e grupos municipais do resto de partidos para que se aclare todo canto antes. “De non ser así, valoraremos outras alternativas. Entre elas, acudir aos xulgados”, conclúen.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Fontes da Deputación Provincial de Ourense subliñaron que “o nomeamento da mesa de contratación foi únicamente responsabilidade do Concello do Carballiño”. Engadiron que “a Deputación só respostou a unha petición do Concello para a participación de tres técnicos na mesa, que así foron propostos”. Conclúen que “estes técnicos son funcionarios, non son traballadores de ningunha empresa”. Por outra banda, dende o goberno municipal do Carballiño apúntase que a solución está en que a Deputación propoña o nomeamento doutro técnico para substituír a Javier Bobe na mesa e así evitar calquera conflicto de intereses.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------