Esta actividade forma parte do programa de visitas ás institucións da CEM que ten como obxectivo achegar aos militantes a coñecer os lugares clave da acción política a todos os niveis
Ourense, 13 de febreiro de 2025. No día de onte, militantes do PSdeG de Ourense, coa secretaria xeral, Natalia González Benéitez á cabeza, iniciaron en Madrid unha rolda de visitas institucionais que van dende a sede do PSOE, Cámara Alta e Cámara Baixa, ata a histórica escola sindical Julián Besteiro da UGT.
Enma López, concelleira socialista en Madrid e secretaria de Política Económica e Transformación Dixital da Comisión Executiva Federal, exerceu de anfitrioa na visita ás emblemáticas instalacións da rúa Ferraz, convertida nun referente non só para a cidadanía, senón tamén nun lugar que foi testigo de grandes acontecementos políticos e sociais de España.
A inauguración da sede actual do partido data de finais do ano 1982, trala adquisición do edificio da rúa Ferraz, número 70, por parte do PSOE tres anos antes. Nese mesmo edificio morreu Pablo Iglesias Posse, fundador do partido, o 9 de decembro de 1925 e o lugar rende homenaxe á súa figura cunha placa conmemorativa e un busto de pedra seu, recuperado logo de ser protexido e escondido durante a guerra civil e o franquismo.
Actualmente alberga espazos e despachos de traballo onde se reúnen o Comité Federal ou a Executiva Federal dos e das socialistas, aparte de celebrarse nela outros actos programados e comparecencias públicas ante os medios de comunicación dos seus representantes.