Por segundo ano consecutivo, o Concello de Ribadavia organiza unha serie de actividades para conmemorar o Día de Rosalía de Castro, que terá lugar o domingo 23 de febreiro, ás 12,30 horas, na Madalena. A programación incluirá unha lectura e recital da obra da autora, unha representación teatral a cargo do alumnado da Aula Municipal de Teatro e a actuación do Coro de Cámara do Club Artístico de Ribadavia.
Ademais, xa está dispoñible na Casa da Cultura a Exposición Bibliográfica da Biblioteca Municipal de Ribadavia sobre a vida e a obra de Rosalía de Castro, que poderá visitarse ata o 25 de febreiro. Desde o Concello de Ribadavia animan a toda a cidadanía a participar nestas actividades para celebrar e poñer en valor a figura dunha das grandes referencias da literatura galega.