A asamblea de Club Deportivo Arenteiro aprobara o pasado 6 de febreiro e por unha ampla maioría o inicio dos trámites legais, administrativos e contables necesarios para a conversión da entidade en Sociedade Anónima Deportiva (SAD), unha transformación estatutaria plantexada pola actual xunta directiva para tentar salvar o déficit previsto para esta tempada, que ascendería a 600.000 euros dentro dun orzamento estimado de 2,2 millóns de euros. Neste sentido, os socios presentes na reunión tamén autorizaron que o club poida recibir este ano aportacións económicas de terceiros que logo se trocarían en accións da futura SAD.
Ao respecto, a secretaría da entidade remitíu a tódolas socias e socios un resume da acta da asamblea, na que se recollen os devanditos acordos, e onde se anuncia a apertura dun “periodo de tempo ata o 30 de abril de 2025 para que se poidan documentar aportacións durante a presente tempada”. As persoas interesadas deben poñerse en contacto co clube ao traverso do correo electrónico (cdarenteiro@gmail.com) á atención do presidente, Argimiro Marnotes, ou do secretario, Xan Pinal.
Á xuntanza extraordinaria do pasado día 6 asistiron un total de 233 socios con dereito a voto (maiores de 18 anos) que, en primeiro lugar, escoitaban ao secretario, Xan Pinal, facer un balance histórico e actual do organigrama da entidade, que conta con 274 fichas federativas de xogadores e 24 de técnicos, das cales 30 corresponden ao primeiro equipo, que xoga na Primeira RFEF, e que se sitúa por méritos deportivos no 4º posto de Galicia e entre os 50 mellores de todo o Estado. Asemade, cifrou en 2,2 millóns de euros os gastos estimados para esta tempada 2024/25, cun déficit calculado entre os 400.000 e os 600.000 euros, mentres os 1.102 carnés dos socios só suponen un ingreso de 135.000 euros, un 6% do montante global.
A continuación, era o presidente do Arenteiro, Argimiro Marnotes, quen de explicar aos asistentes os detalles do proceso de conversión do club en SAD e as súas vantaxes, que suporían poder dispor de achegas económicas para paliar o desfase contable previsto para o remate deste exercicio anual. Finalmente, sometéronse a votación os dous puntos propostos, para a que a directiva puxo a disposición dos socios tres cartulinas (sí, non e branco). Os resultados foron claros: 166 a favor, nove en contra e seis abstencións na primeira; e 168 síes na segunda, fronte a 10 votos de rexeitamento e tres en branco.