A Asociación de Comerciantes Carballiño Centro Comercial Aberto (CCA) organiza unha nova edición da ‘Feira do Stock de Inverno’, que terá lugar dende mañá, venres 21 de febreiro, ata o vindeiro domingo, día 23, na Praza Maior da vila do Arenteiro. Durante as tres xornadas, veciños e visitantes terán a oportunidade de atopar produtos con importantes descontos en moda, calzado, complementos e artigos para o fogar. Esta campaña está cofinanciada pola Xunta de Galicia coa colaboración do Concello do Carballiño.
Os horarios desta feira serán, mañá venres, de 17,00 a 21,00 horas, mentres para o sábado 22 e o domingo 23 están fixados de 11,00 a 14,00 horas e de 16,30 a 21,00 horas, con entrada totalmente libre e gratuíta nas carpas instaladas na Praza Maior, permitindo a tódolos asistentes aproveitar as mellores ofertas e, de paso, apoiar ao comercio local do Carballiño.
Asemade, un bó incentivo para mercar nesta feira de inverno é o sorteo programado polo organización dun vale de compra por valor de 100 euros, que se levará a cabo de xeito presencial o domingo 23 a partir das 18,00 horas no stand do CCA. Para participar neste sorteo, os clientes recibirán unha papeleta por cada compra realizada, que deberán completar cos seus datos e logo depositala nunha urna ubicada no mesmo stand.