O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Ribadavia considera que os orzamentos do Concello de Ribadavia, que onte foron aprobados inicialmente pola Corporación Municipal, están dirixidos a manter ao Partido Popular no poder, non a dar solución aos problemas da cidadanía, e subliñan que “a partida de propaganda é a que máis medra”. Os nacionalistas entenden que “o orzamento define a liña política dun goberno. Neste caso non hai dúbida, o PP presenta uns orzamentos pensados en manter o seu poder no concello de Ribadavia, sen arranxar os problemas básicos, sen avanzar no benestar da cidadanía”, e poñen coma exemplo que se multiplica “a partida para propaganda de 7.200 a 30.000 euros”.
Dende o BNG advirten sobre a ausencia de investimentos en áreas de gran importancia estratéxica, como o abastecemento de auga, residencia de persoas maiores, centro de día e de melloras en vivenda, transporte, emprego, turismo ou medio ambiente, e que “a única obra que se prevé executar, a reforma do pavillón de deportes, farase en zona inundable. Citan tamén que un dos investimentos vai para o Punto de atención a infancia (PAI), “de xestión privada, en lugar de mellorar as instalacións da Galiña Azul”.
Por elo, os nacionalistas propoñen “a conxelación da partida de propaganda e que se destine o aforro a colaborar coa Cruz Vermella, Fundación Nosa Señora dos Anxos, o tecido asociativo da vila, e destinar axudas á emerxencia social, o emprendemento e á vivenda pública.