O ‘Enterro da Sardiña’ puxo o punto e seguido na noite de onte ás celebracións do Entroido no Carballiño cunha escenificación que correu a cargo do colectivo de discapacitados intelectuais Aspadisi e o grupo de teatro Dar Trela, que estiveron acompañados musicalmente pola charanga Castro Bello. Un bispo presidiu a comitiva fúnebre no traxecto da rúa Mosquera que comunica as prazas dos Liborianos e Maior, cos choros das plañideiras e coa presenza de Melania e Donald Trump, que, como ben é sabido, están a desfrutar das actividades do Carnaval na vila do Arenteiro.
Xa no punto de destino, un equipo de enfermeiras someteu ao presidente norteamericano a un tratamento de hidroterapia no balneario, con auga de bebida e baño con ondas incluído, ao que Trump respostou moi satisfactoriamente, mentres a súa dona reivindicaba o ‘women power’ contra as actitudes machistas do seu home, e tamén reclamaba que unha polbeira tivese a ben facerse cargo da alcaldía do Carballiño.
Finalmente, o Donald acabou nunha terapia calorífica na que compartiu fogueira cunha sardiña fronte á Casa do Concello, ante a troula xeral dos máis de 200 asistentes ao enterro. A música da charanga amenizou o baile de remate da actividade, na que se serviu a todo público un chocolate quente con bica. Unha parodia que serve para darlle continuidade á programación do Entroido, despois do gran desfile do martes, e que tal e como nos comentaba o concelleiro de Cultura, Diego Fernández, non terá o seu punto final ata o domingo, coa celebración da ‘XXX Festa da Cachucha’.