Cine Club Carballiño continúa a súa programación mañá venres, 14 de marzo, cunha auténtica xoia, a película australiana de animación “Memorias de un caracol”,gañadora dosFestivais de Goteborg, de Londres e de Sitges na sección de animación. Foi nominada tamén como mellor filme de animación nos Oscar e nos Globos de Ouro. Aclamada pola crítica coma unha obra mestra, obtivo tamén un gran éxito de público.
Australia, anos 70. Grace Pudel é unha nena solitaria e inadaptada, afeccionada a coleccionar figuras decorativas de caracois e cunha devoción profunda polas novelas románticas. A morte do seu pai cando tan só é unha nena lévaa a ter que separarse do seu irmán xemelgo, Gilbert, o que a aboca a unha espiral de ansiedade e anguria. Porén, a esperanza volve á súa vida cando coñece a unha excéntrica anciá de determinación e amor pola vida chamada Pinky, que cambiará a súa vida para sempre.
Os pases serán, coma sempre, no Auditorio Manuel María do Carballiño ás 20,00 horas en versión dobrada ao castelán e ás 22,30 na súa versión orixinal subtitulada.