Luis Menor sinalou que o pintor “máis ca un ‘artistiña’ foi un ‘artistazo” e sumouse ás intencións da familia e da Coral De Ruada de promover outra homenaxe
Gabriela Fernández, filla de Virxilio e comisaria da mostra, apuntou o “difícil” que lle resultou xuntar sesenta décadas de traxectoria e remover nos recordos de seu pai
Miguel Santalices falou do “gran peso ourensán” que hai na colección artística do Parlamento de Galicia, no que tamén se exhibe obra de Virxilio
Ourense, 14 de marzo de 2025.
A Deputación de Ourense inaugurou a exposición “Virxilio inédito (1925-2025)” no Centro Cultural Marcos Valcárcel, coincidindo co centenario do nacemento do artista ourensán, falecido en 2011. O presidente provincial, Luis Menor, destacou durante a inauguración a aposta da institución ourensá por poñer en valor a un referente da cultura ourensá no eido da plástica e que, dixo Menor, “máis ca un ‘artistiña’, foi un artistazo”. O director do centro cultural, Francisco González, foi o encargado de introducir o acto, ao que asistiron autoridades, familiares e artistas.
A exposición, conformada por un centenar de pezas, permitirá ao público descubrir unha visión renovada e ampliada do capital artístico que deixou Virxilio.
O presidente provincial fixo referencia ao compromiso da Deputación coa cultura e lembrou a vinculación de Virxilio coa Deputación de Ourense, a través da Escola de Artes e Oficios da que foi alumno, traxectoria inicial da que “sempre presumiu”.
Pola súa banda, Gabriela Fernández, comisaria da exposición e filla de Virxilio, destacou o difícil que lle resultou reunir seis décadas de traxectoria e remover nos recordos de seu pai. Agradeceu tamén á Coral De Ruada, que pretende realizar unha homenaxe a Virxilio. Neste sentido, o presidente provincial comprometeuse a sumarse ás intencións da agrupación musical de lembrar o legado do pintor.
Tamén participou no acto Miguel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia, que puxo en valor o “gran peso ourensán” que hai na colección artística do Parlamento de Galicia, no que tamén se exhibe obra de Virxilio.
Un centenar de obras
A exposición “Virxilio inédito (1925-2025)” está conformada por obras nunca antes expostas. Trátase dun centenar de pezas, incluíndo dúas vitrinas con debuxos, apuntes e pequenos traballos en papel.
Entre a escolma, poden atoparse as súas clásicas referencias aos retratos de escenas musicais, as súas estancias en Alemaña e as paisaxes. Tamén hai un espazo adicado ao seu traballo como cartelista, con proxectos como os carteis das festas de Ourense, das Xornadas de Folclore, do Magosto, do Entroido ou para a Dirección Xeral de Tráfico.
A mostra complétase cun catálogo que leva textos de José María Pérez Alvarez (Chesi) e Xosé Manoel Rodríguez, que acomete una breve biografía de Virxilio.
A mostra estará aberta ao público ata o próximo 11 de maio.
Biografía de Virxilio
Virxilio (Ourense, 1925-2011) foi un destacado artista plástico, pertencente a xeración dos ‘artistiñas’ bautizados por Vicente Risco, un grupo que buscou a renovación da escea artística galega no século pasado.
Virxilio, que comezou a súa traxectoria formándose na Escola de Artes e Oficios de Ourense, trasladouse en 1957 a París para formarse na École Nationale Supérieure des Beaux Art. Tras esta etapa, Alemania foi o país no que o ourensán colleitou máis éxito, levando as súas obras a localidades como Bonn, Berlín e Franckfurt.
A obra de Virxilio caracterízase por unha estética que combina a simplicidade formal cunha paleta de cores vibrantes.