- Exemplificou en accións coma esta o compromiso do Goberno cos pequenos municipios, “aos que dota de oportunidades de futuro con cada acción”
- Poderán impulsar proxectos empresariais con estes fondos os concellos do Bolo, Parada de Sil, Entrimo e Vilar de Barrio, co obxectivo de mellorar a súa experiencia turística e de mobilidade sostible
Ourense, 17 de marzo de 2025.- O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, puxo en valor o impulso de 644.016,51 euros acadado por catro municipios de Ourense. Inclúense na liña de axudas do Goberno para promover accións innovadoras de dinamización territorial e combater o despoboamento nos concellos do Reto Demográfico. Eladio Santos actualizou a recente resolución desta convocatoria do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que forma parte da estratexia desenvolvida polo Goberno cara os pequenos concellos.
Eladio Santos exemplificou nestas axudas a aposta do Goberno pola cohesión territorial, de forma que se garantan servizos públicos de calidade ao conxunto da poboación, “sen deixar de traballar por un rural cheo de oportunidades, traballo e futuro”. Grazas a esta resolución, catro concellos do rural ourensán (O Bolo, Parada de Sil, Entrimo e Vilar de Barrio) poderán impulsar proxectos empresariais, de mellora da experiencia turística e de mobilidade sostible nos seus territorios.
Polo miúdo, O Bolo faise con 180.000€ para iniciativas sostibles municipais, Parada de Sil colleita 104.016,51€ para melloras no Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil, Entrimo capta 180.000€ para innovación en materia de cohesión territorial e Vilar de Barrio poderá executar outros 180.000€ para afondar na súa innovación económica e turística.
O subdelegado subliñou a importancia deste investimento do Goberno, que dinamiza a activación do territorio a nivel económico, social e medioambiental, con especial atención á perspectiva de xénero e aos colectivos tanto de persoas novas como maiores. “Trátase dun reparto xusto, que garante que toda a cidadanía, e por suposto a que vive no rural, dispoña de todas as oportunidades ao seu alcance”, sinalou Eladio Santos.
Catro proxectos máis en Galicia
O investimento total do Goberno en Galicia ascende a 1.500.752,11 euros. Deixa na provincia de Lugo 311.652 euros e 545.084 en Pontevedra.
Por proxectos, o concello de Quiroga recibe 111.690€ para o seu albergue municipal, o concello de Ribeira de Piquín ingresa 199.962€ para a dinamización laboral agrícola, o concello da Lama benefíciase de 45.084,60€ para a súa iniciativa ‘A Lama: un paraíso verde por descubrir’ e, por último, a Deputación Provincial de Pontevedra logra 500.000€ para orzamentar o programa ‘+MOBE’, de mobilidade sostible e inclusiva nas zonas rurais.
A do 2024 foi a terceira convocatoria destas axudas do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que deixou un total de 19,5 millóns de euros nos pequenos concellos españois. Nas anteriores convocatorias, do 2022 e do 2023, entregáronse ás entidades locais 40,2 millóns de euros, que serviron para financiar 452 proxectos en toda España. A nivel galego, estas subvencións deixaron en Galicia no ano 2023 un total de 1,7 millóns para 20 actuacións.