O grupo municipal de Espazo Común vén de presentar unha moción na que solicita a convocatoria dunha xunta de voceiros monográfica “para determinar os pasos a dar para avanzar no proxecto de encauzamento do río Carrás ao seu paso polo Carballiño“. Esta formación política subliña que este río “pasa, históricamente, por ser un gran esquecido dentro dos diferentes procesos de recuperación de entornos naturais do Carballiño“, e que “só nos lembramos da súa existencia cando hai verquidos ou cando, como aconteceu recentemente, o seu desbordamento provoca danos estruturais“.
As concelleiras e concelleiros de Espazo Común lembran que, “dende a construción da depuradora, inaugurada no ano 2011, apenas se implementou mellora algunha en dito río nin no seu entorno“, a pesares de que o Carrás “é o río realmente urbano do Carballiño, atravesando por exemplo o entorno do Centro de Saúde, o barrio de Flores ou a estrada de Ribadavia“. Por todo elo, apuntan que “xa é hora de elaborar un proxecto que convirta o Carrás nun valor engadido para o noso pobo e nun elemento máis que convirta ó Carballiño nunha vila amable, nun pobo que vive de cara aos seus ríos e non de costas“.
Neste sentido, pretenden conseguir que co axeitado encauzamento de todo o discorrer da súa corrente, se eviten futuros problemas de inundacións e danos materiais que tanto perxuizo e gasto ocasionan ao Concello e á veciñanza. Asemade, tamén, que “o arranxo das súas marxes e contorna, posibilitaría dispor dun paseo fluvial práctimente no mesmo casco urbano, aportando, por conseguinte, un novo valor ao enorme patrimonio natural co que contamos“.