Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova. 20 de marzo de 2025.
- Familiares de vítimas asturianas, andaluzas, leonesas, toledanas e galegas estarán presentes na homenaxe que tributa Celanova aos asasinados entre o 36 e o 43 enterrados no cemiterio parroquial.
- Unha peza de ferro e aceiro cos 90 nomes, autoría de Baldomero Moreiras, e elevada sobre unha sepultura ficará no camposanto.
Nos anexos: lista dos 90 e investigación, e fotos:
Imaxe 1. Gaspar Fernández, Manuel Fuentes Canal, Constantino Díaz Tuya, Abelardo Suárez, Francisco Moreno, Ángel Santos, Hermenegildo Crespo, Ramón Yáñez e Marcelino Fernández, nove dos 90 de San Breixo.
Imaxe 2. Memorial dos 90 de San Breixo.
O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova informa da inauguración este domingo, 23 de marzo, do Memorial dos 90 de San Breixo, no cemiterio parroquial de Celanova, onde teñen sido documentados os enterramentos de 90 vítimas da represión fascista entre 1936 e 1943.
O Comité, coa colaboración do Goberno de Asturias e outras asociacións de memoria, localizou até o momento 16 familias de represaliados que figuran no memorial. Son nove familias asturianas, unha galega, unha andaluza, unha estremeña, dúas leonesas e dúas madrileñas. Os nomes dos seus familiares enterrados en San Breixo son Gaspar Fernández, Ángel Santos González, Mariano Panizo, Abelardo Suárez, Baldomero Vigil-Escalera, Marcelino Fernández, Victoriano Fernández Moreno, Gerardo Tovar, Francisco Fernández Llaneza, Victoriano López, Francisco Moreno, Hermenegildo Crespo, Ramón Yáñez, Manuel Gregorio Nieto, Constantino Tuero Amandi e Juan Masa Chamorro, o último dos falecidos, o 27 de agosto de 1943.
Entres estes, hai cinco mortes violentas documentadas: as dos tres asturianos fusilados o 22 de setembro do 39; a de Francisco Morena Medina, asasinado dun tiro no cárcere o 21 de xaneiro do 43; e a do guerrilleiro Ramón Yáñez Pereira, metrallado por policías e gardas civís o 13 de xullo do mesmo ano. Ademais, malia que a súa causa de morte indica unha enfermidade intestinal, a familia de Mariano Panizo, libreiro castelán afincado na conca mineira de Asturias, recibiu información de que morreu como consecuencia dunha malleira.
O acto de inauguración no cemiterio está previsto para ás 13 horas, e consistirá no descubrimento do Memorial, unha peza de ferro dobrada nun ángulo de 90 grados coa inscrición nas caras exteriores dos nomes de todas as vítimas, obra do artista celanovés Baldomero Moreiras, que se ergue sobre unha sepultura baleira no centro do xardín no que se exhumou a fosa dos asturianos en 2022. O Memorial foi financiado con fondos estatais do programa de exhumacións 2021-24, e estará acompañado por un elemento memorialístico que vincula o lugar con outros cemiterios do país nos que o equipo coordinado polo Grupo Histagra da USC interviu outras fosas.
A inauguración porá o ramo aos actos que se celebrarán esa mañá na vila. Ás 11 está previsto una recepción institucional ás familias das vítimas que se desprazarán a Celanova, así como á representación do Goberno de Asturias, encabezada por Ovidio Zapico, consejero de Ordenación del Territorio, Urbanismo, Vivienda y Derechos Ciudadanos do Principado, e que inclúe aos alcaldes de Mieres, Cabrales e San Martín del Rey Aurelio. A maioría das vítimas, asasinados ou mortos polas condicións de confinamento na Prisión Central de Celanova, tiñan orixe asturiana: un total de 43.
Esta acollida institucional que terá como escenario o Refectorio do claustro barroco estará presidida polo Alcalde de Celanova, Antonio Puga, e o Subdelegado do Goberno, Eladio Santos.
O Comité lembra aos medios que, dadas as reducidas dimensións do cemiterio, no acto en San Breixo só se permitirá a presenza de gráficos durante uns minutos no descubrimento do memorial.