Familias e traballadoras farán parte da xestión da residencia de Celanova

  • O BNG levou adiante as negociacións co Padroado durante o verán e convenceu aos grupos para reclamar, ademais da presenza de familiares e traballadoras, a doutro represente da corporación no órgano de dirección.
  • O pleno comprometeu en setembro unha subvención para o centro de maiores e a dirección da residencia solicita 72.000 € para compensar o efecto da pandemia sobre as súas contas.

O BNG de Celanova saúda a decisión do Padroado da Residencia San Carlos de Celanova de abrir o órgano reitor ás familias e as traballadoras, ademais de reforzar carácter público da doazón inicial incrementando a representación da corporación municipal no Padroado.

“As familias e os grupos políticos deron o primeiro paso, agora é o Padroado quen dá outro e abre ás familias, á corporación municipal e ás traballadoras a participación na xestión da Residencia. É un acordo inédito e pioneiro no país. A de Celanova non só é a primeira residencia que reforza o seu carácter público incorporando un membro máis da corporación ao traballo de dirección, tamén é a primeira residencia que abre a porta a familias e a traballadoras cunha representación directa no órgano de dirección, para colaborar na xestión ordinaria do centro”, explicou o portavoz nacionalista, Leopoldo Rodríguez.

AVANTAR ACTIVIDADES

O Padroado manterá os seus membros actuais: tres natos -entre eles, o alcalde- así como os outros tres que viñan representando asociacións da sociedade civil, e incorporará unha representante das familias de residentes, unha representante das traballadoras e unha representante da corporación municipal.

A fórmula elixida polos actuais patróns, para incorporar ás traballadoras, sinala: “no caso de estimalo convinte, poderase incorporar adicionalmente un representante dos traballadores”. O BNG insistirá diante dos grupos municipais e do padroado para que esa incorporación sexa inmediata, respectando o espírito da moción acordada no pleno do 23 de setembro.

Alén das fórmulas que se definan para elixir estes novos membros, o BNG considera que a proposta do Padroado contén o plan inicial que as nacionalistas empezaron a discutir con familiares, traballadoras e membros do padroado nos meses de xullo e agosto antes de presentalas ao resto de grupos e conseguir a unanimidade na moción que se votou o pasado 23 de setembro.

Celanova dá exemplo e senta un precedente. Este acordo significa que todos nos responsabilizamos e recoñecemos o outro o seu dereito a co-responsabilizarse”, subliñou Leopoldo Rodríguez. E engadiu: “Temos a vontade de traballar todas xuntas nunha tarefa inescusábel: a mellora da atención e dos coidados aos maiores na Residencia San Carlos de Celanova e alí onde se estean a prestar coidados ás nosas e nosos maiores”.

Subvención urxente, un punto de partida

O BNG considera ademais que a solicitude de axuda que o Padroado presenta agora –unha subvención de 72.000 euros– ao Concello nos termos acordados naquela mesma moción debe ser atendida á maior brevidade posíbel e coa máxima xenerosidade por parte da corporación, dado que neste contexto de emerxencia sanitaria non hai outro grupo que precise con máis urxencia a axuda que as usuarias e usuarios de residencias.

Segundo a memoria anexa á solicitude, o Padroado considera que esa cantidade (72.000 €) equivale “o efecto directo da pandemia” sobre as contas da Residencia San Carlos neste 2020.

“Queremos que se tramite con urxencia, ben sexa a través dun pleno ou dunha xunta de goberno, atendendo á necesidade de protexer a residentes e traballadoras contra a covid19 mellorando no posíbel a atención”, advertiu o voceiro nacionalista.

O BNG lembra que as nacionalistas conseguiron que traballadoras e familiares asumisen esta solución como a máis axeitada e rápida, e despois “fixemos de ponte entre o Padroado e as familias; fixemos de ponte entre todas as forzas políticas representadas na corporación e, finalmente, fixemos de ponte entre o Padroado e a corporación”, segundo resumiu Leopoldo Rodríguez.

E concluíu: “Isto non é punto de chegada, hai que velo como o que é: un punto de partida e todas as forzas políticas e a sociedade celanovesa debe velo coma unha oportunidade para mellorar as cousas na atención aos maiores. Nós estamos comprometidos nesa liña”.