O PSdeG-PSOE de Ourense celebra en Lobios a 4ª edición de ‘ConMemora’, que congregou a máis de 250 socialistas da provincia

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O PSdeG-PSOE de Ourense celebrou hoxe a IV edición de ‘ConMemora’, a xuntanza do socialismo provincial ourensán baixo o lema “Alén da Posverdade”. Lobios acolleu un acto multitudinario no que se congregaron máis de 250 socialistas chegadas de toda a provincia e no que estiveron presentes numerosos cargos orgánicos e institucionais do partido.
Esta nova edición de ConMemora volveu servir para estreitar os lazos de unión entre a militancia socialista da provincia, nun acto moi emotivo e cargado de contido que tivo como epicentro “a cerna política na acción de superación da posverdade, e seu espírito afectivo na fraternidade que bebe dos mananciais da ilustración e a democracia”.

O voceiro do grupo municipal socialista en Lobios, Patrick Rodríguez, foi o encargado de abrir o acto, no que tamén inteviron a profesora titular de Ciencia Política da Universidade de Santiago de Compostela, María Nieves Lagares Díaz; Vasco Ribeiro, profesor de Comunicación Política da
Universidade de Porto. e o presidente do Laboratorio de Ideas de Progreso AVANZA do PSOE, Manuel Escudero Zamora. A presidenta do PSdeG e senadora por Pontevedra, Carmela Silva Rego, interveu para destacar que “nestes tempos da posverdade, das fake news e dos retrocesos en dereitos, as mulleres temos que crear unha rede global para defender eses dereitos nun mundo en igualdade, pois somos nós as que máis padecemos estes retrocesos”.

COMERCIAL ORCELLÓN

O secretario provincial, Rafael Rodríguez Villarino, puxo o foco en que a imaxe da política actual “afástase da que se tivo de políticos coma Pablo Iglesias Posse, fundador do PSOE”, xa que tal e como esgrimiu “atopámonos con políticos como Donald Trump, ao que lle atoparon máis de
30.000 mentiras nas plataformas de verificación durante o seu anterior mandato”. “Esta xornada non ambiciona atopar respostas máxicas, pero si poñer enriba da mesa a necesaria atención do socialismo ourensán a este fenómeno, e por iso agradecemos o maxisterio das figuras que nos acompañaron hoxe”, finalizou Villarino.

Un ano máis fixéronse entrega dos premios ConMemora ao compromiso co socialismo e cos concellos da bisbarra da Baixa Limia, que nesta edición recaeron na histórica líder socialista de Bande, Maribel Santos Pérez, e no exalcalde de Lobios, Antonio Ferreira López. Durante o acto tamén se lembrou con moito agarimo a figura de Rafael Pérez Martínez “Tito”, que foi alcalde
socialista de Muíños entre 1983 e 1995, así o como o primeiro concelleiro socialista da corporación municipal e primeiro deputado provincial da historia do PSdeG-PSOE de Ourense, e que faleceu fai uns meses nun fatídico accidente.

O acto rematou coa interpretación do Grândola Vila Morena e do himno de Galicia por parte da agrupación musical Os Afinantes, para posteriormente dar paso a un xantar que se celebrou no restaurante Lusitano, e que pechou a xornada de comuñón socialista.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------