O BNG solicita a reparación e reapertura urxente dos vestiarios do Pavillón dos Remedios que a día de hoxe e logo da reforma levada a cabo permanecen pechados

No tocante á publicidade privada existente na piscina Rosario Dueñas, os nacionalistas queren saber os motivos de que permaneza instalada e se o concello está percibindo algún canon pola mesma

Na reunión extraordinaria do Consello Municipal de Deportes celebrada este mércores, o Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense plantexou ao concelleiro delegado, Mario Guede, dúas cuestións.

AVANTAR ACTIVIDADES

A primeira delas versa sobre os motivos polos cales o vestiario S2 masculino situados no soto do pavillón, permanece pechado desde que se levou a cabo a reforma por parte da Xunta de Galiza de todo o complexo e os cales non son outros que ter filtracións de auga. “Esta situación está a xerar malestar e queixas entre os usuarios xa que debido a dito peche, a falta de espazo dificulta o cambio e o aseo dos usuarios do propio Pavillón”. Desde o BNG solicitan a reparación urxente e a súa reapertura á maior brevidade posíbel.

A outra cuestión pola que se interesaron os nacionalistas ten que ver coa publicidade que empresas privadas teñen dentro das instalacións do Pavillón dos Remedios, concretamente a existente na piscina Rosario Dueñas.

Segundo o BNG, “este emprazamento non figura como espazo habilitado para publicidade dentro do prego de condicións económico – administrativas que rexen nas autorizacións de ocupación con elementos publicitarios do espazo de dominio público nas instalacións deportivas do propio Consello Municipal de Deportes”.

Por este motivo, desde o BNG solicitaron ao concelleiro que aclare os motivos de que permanezan nese espazo lonas publicitarias e canto ingresa o Consello Municipal de Deportes en concepto de canon polas mesmas en caso de que así sexa. Do contrario, o BNG esixe a súa retirada.

Por último, desde o BNG pedíronlle a Mario Guede, na súa condición tanto de concelleiro de deportes como de presidente do Consello Municipal de Deportes, organismo encargado de organizar e dirixir a Carreira do San Martiño, que pida desculpas públicas polo lamentábel espectáculo ofrecido o pasado domingo por parte do alcalde durante e trala celebración da mesma.

En relación á contratación e sobre todo de que departamento debe asumir o custo da atleta Kalkidan Gezahegne e logo de que a Concellería de Igualdade descartase cofinanciar dito gasto, postura que comparte o BNG, o interventor manifestou que en base ao seu criterio a única posibilidade sería a través do propio CMD.

Este feito peta frontalmente coas manifestacións feitas polo presidente do CMD ao ser cuestionado en reunións anteriores por esta cuestión, e onde Mario Guede, sempre argumentou que estábamos diante dunha cuestión “allea ao CMD e levada directamente desde alcaldía”. Ante estes feitos o BNG pregúntase, canto e quen lle vai pagar á atleta?

Reunión comisión PEPOU

No referido á reunión desta mañá da comisión de seguimento do PEPOU, o BNG valora positivamente os avances que se teñen dado nalgúns ámbitos aínda que lamenta a lentitude noutros.

Os nacionalistas destacaron igualmente o inmenso traballo que está levando a cabo o persoal da Oficina de Rehabilitación pese as constantes inxerencias e trabas por parte do Goberno Local e máis concretamente, por parte da alcaldía.

O BNG tamén se interesou pola proposta do gran hotel balneario plantexado no Pazo Provincial por parte do presidente da deputación Manuel Baltar, e cuxo anteproxecto foi presentado a semana pasada.

A sorpresa, segundo destacan os nacionalistas, é que nin na concellería de urbanismo nin na Oficina de Rehabilitacións consta absolutamente nada relativo a dito anteproxecto “mais alá do que sae publicado en prensa”.

Para o BNG esta cuestión non é menor xa que falamos dun edificio con protección especial e polo tanto e tal e como quedou de manifesto na reunión da comisión, “para calquera intervención como a que se pretende executar nese edificio, cómpre previamente modificar o propio Plan Especial”.