Eladio Santos sinala a educación como a medida chave que “evitará que haxa no futuro violencia contra as mulleres”

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Presentación da publicación “Vivas para contarlo” no IES Xermán Ancochea Quevedo da Pobra de Trives

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

A Pobra de Trives, 24 de marzo de 2025. – O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, e a xefa da Unidade de Violencia sobre a Muller, Alida Iglesias, presentaron esta mañá no IES Xermán Ancochea Quevedo da Pobra de Trives o libro “Vivas para contarlo”, unha iniciativa que xurdiu da Comisión de seguimento das vítimas de violencia de xénero, que mensualmente se reúne na Subdelegación do Goberno en Ourense, e cuxa edición correu a cargo desta última.

A publicación está composta por 13 microrrelatos de vítimas de violencia de xénero e sexual, e 10 testemuños de persoas que comparten a súa vida profesional con vítimas de violencia de xénero.

Esta presentación tivo lugar no marco dunha charla formativa dentro do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e nas súas contornas, que está a levar por todas as aulas e a achegar a todos os rapaces e rapazas da provincia sesións a cargo de axentes da Garda Civil e da Policía Nacional para contribuír á prevención de condutas delitivas, co fin de evitar comportamentos violentos, consumo de drogas, acoso, ciberacoso, violencia de xénero, entre outros.

Precisamente en relación á violencia de xénero, o subdelegado do Goberno, cando se dirixiu ao alumnado presente, destacou que o Goberno, a Garda Civil e a Policía Nacional teñen en marcha oficinas específicas de atención ás vítimas. “Esa é unha medida para as mulleres que están sufrindo agora mesmo violencia, pero estamos acá para apostar pola prevención. O máis importante é a educación e a formación, e iso evitará que haxa no futuro violencia contra as mulleres”, destacou.

“As relacións de parella baséanse no cariño e no respecto, as mulleres teñen tanta independencia como os homes e as mozas coma vós non tendes que admitir ningún tipo de comportamento violento”, salientou dirixíndose ás rapazas participantes na presentación. “É un problema permanente, latente e o Goberno traballa para corrixilo”, concluíu.

Para contribuír a este labor de concienciación, acto seguido, seis alumnos e alumnas do propio instituto procederon á lectura de varios dos testemuños incluídos no libro, para facelos conscientes das experiencias reais das mulleres, así como da magnitude e secuelas da violencia.

Ademais, trala lectura tivo lugar un coloquio co alumnado sobre as experiencias lidas para resolver dúbidas, eliminar mitos e fomentar o diálogo e a reflexión sobre este importante tema.