A Confederación Hidrográfica rematou a remodelación integral da rúa Ourense cun investimento superior aos 1,3 millons de euros

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) vén de anunciar o remate das obras de renovación de canalizacions e acondicionamento da rúa Ourense do Carballiño, que supuxeron un investimento de 1.370.000 euros para este organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. O presidente da Confederación, José Antonio Quiroga manifestou que “estamos ante un exemplo máis de que a colaboración entre Administracions é a clave para executar proxectos importantes que melloren o medio ambiente e a calidade de vida dos veciños”.

Os traballos consistiron na renovación integral das redes de saneamento e abastecemento de auga, pluviais e de subministro eléctrico, alumeado público e telecomunicacions, nun tramo de 550 metros de lonxitude, entre as interseccions desta vía coa rúa Celso Emilio Ferreiro e a Avenida 25 de Xullo. Dende a Confederación lembran que, no último tramo da rúa Ourense, as conducions de evacuación de augas residuais e pluviais atopábanse nun estado deficiente, o que provocaba roturas e verquidos recurrentes. Para solucionar esta problemática, asinábase formalmente un convenio entre a CHMS e o Concello do Carballiño o 31 de marzo de 2023, a fin de financiar, executar e entregar estas obras.

Asemade, en superficie construíronse dous carrís de circulación de 3,50 metros de ancho, un en cada sentido de circulación, acompañados por estacionamentos en liña ou en diagonal dependendo dos tramos. O resto de superficie ata completar a anchura dispoñible foi urbanizado como beirarrúa, en formigón impreso, cun ancho mínimo de 1,80 metros e na que se instalaron bancos e papeleiras, axardinamento e alumeado.