Ribadavia prepárase para honrar a San Lázaro na que significa a primeira festividade relixiosa do ano na capital do Ribeiro. A novena comezará o vindeiro domingo, 30 de marzo, ás 11,45 horas, coa procesión de traslado das imaxes de San Lázaro e as santas Marta e María dende a súa capela ata o Santuario do Portal, e, de seguido, oficiarase a misa co rezo da novena.
Durante a semana, a misa e a novena serán ás 20,00 horas no Santuario do Portal e, o día principal, 6 de abril, Domingo de Lázaro, haberá misas ás 9,30 e 11,00 horas, mentres que a misa solemne será ás 12,00 na igrexa parroquial de Santo Domingo, a cuxo remate celebrarase a procesión.
Ao longo do ano, a imaxe de San Lázaro permanece custodiada na súa capela do barrio de Ribadavia que leva o seu nome e que na Idade Media acollía unha leprosería xestionada pllo mosteiro de Santa María de Melón. Cada 5º domingo da Cuaresma, son moitos os fieles que visitan a vila ribadaviense para encomendarse e pedir protección ao amigo que Cristo devolveu á vida tras catro días no sepulcro. Na tradición popular, San Lázaro é invocado como protector de enfermidades vencelladas á pel.