O BNG urxe ao PSOE a retomar as negociacións para avanzar na moción de censura en Viana do Bolo

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Defende que é necesario poñer fin á “lamentábel xestión do PP que está levando ao concello a unha situación crítica”.

“Entendemos que as conversas mantidas co PSOE teñen como obxectivo principal reverter a grave situación que atravesa o Concello de Viana do Bolo sempre buscando mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas”, afirman desde o BNG.

Viana do Bolo, 29 de abril de 2025.- O BNG diríxese ao PSOE para dar continuidade ás negociacións e avanzar nunha moción de censura que poría fin á crise que está a vivir Viana do Bolo co goberno do PP. Afirman que presentaron unha proposta “clara, razonábel e responsábel” co obxectivo de construír un goberno sólido e estable no concello.

Neste sentido, a organización nacionalista remítese ao documento presentado o pasado mes de febreiro que recollía, ademais das accións urxentes para sacar o concello da parálise, os principais elementos para a xestión do novo goberno municipal saído da moción de censura, entre outros, a rotación de alcaldía que recaería un ano en cada forza política.

“Pola nosa banda actuamos con xenerosidade e responsabilidade e aí está o documento que contempla os principais puntos para un acordo de goberno. Consideramos, polo tanto, que asinar este acordo seria un acto responsable e que responde á verdadeira vontade dos veciños e veciñas de Viana do Bolo”, defende o BNG que lamentaría que “a falta de acordo impedise unha moción de censura que, a tal altura, é xa urxente e necesaria para sacar a Viana da parálise e o desgoberno”. A decisión da localidade conta co aval do máximo órgano do BNG, a Executiva Nacional, como afirmou o responsábel nacional de política municipal, Lois Pérez Castrillo.

O BNG considera que a proposta que remitiu ao PSOE para o acordo de goberno é “clara, razoábel e responsábel e busca, en primeiro lugar, rematar co desgoberno e a crise á que conduciu o PP ao concello” e, por iso, “agarda aínda unha resposta para avanzar na moción de censura e iniciar unha acción de goberno conxunta en beneficio de Viena”.

Así mesmo, a organización nacionalista desminte rotundamente as afirmacións do PSOE nas que insinúan que o BNG é responsábel de romper un acordo previo. O BNG asegura que até o momento non se pechara ningún acordo e só se intercambiaran documentos políticos dos que, segundo afirman “precisamente só o presentado por nós foi rexeitado polos nosos interlocutores”.

Por outra banda o coordenador da área nacional de política municipal do BNG Lois Pérez Castrillo en nome da Executiva Nacional, manifestou aos responsábeis locais o seu apoio ás conversas levadas adiante pola organización local de Viana do Bolo nas súas xestións para promover unha moción de censura que permita constituír un goberno alternativo ao actual que reflicta a vontade expresada nas urnas. “Recoñecemos e apoiamos os esforzos dos nosos compañeiros e compañeiras en Viana do Bolo por establecer un goberno transformador, que traballe en beneficio da veciñanza”, afirmou Pérez Castrillo.