Os traballos de acondicionamento da antiga fábrica da Lavandeira do Carballiño para a súa transformación definitiva no Museo do Papel estánse a desenvolver ao abeiro dunha achega de 170.000 euros da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, e estarán rematadas nas vindeiras semanas. O conselleiro de Cultura, José López Campos, desprazouse ata a vila do Arenteiro a fin de comprobar o avance das obras, acompañado polo alcalde, Francisco Fumega; o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo.
O rexedor carballiñés agradeceu a presenza de López Campos e o seu apoio ao proxecto de musealización, “que incorpora ao Carballiño un novo recurso económico que se vén á xunguir ao pulpo, ao termalismo, á ampliación do polígono industrial e o futuro Centro de Saúde, que teñen o apoio da Xunta”. Pola súa banda, o conselleiro de Cultura afirmou que “para nós é unha honra estar aquí para poñer en valor a recuperación do patrimonio cultural inmaterial de Galicia”.
López Campos engadíu que “levamos tempo traballando co Concello para pór en marcha a recreación do proceso de elaboración do papel, unha actividade moi importante nos principios do século pasado, e por iso para nós é fundamental recuperar esa tradición”. O responsable autonómico de Cultura tamén falou da posibilidade de incorporar o Museo do Papel á Rede Museos de Galicia, se ben non quixo pronunciarse sobre a súa futura xestión.