O Bloque Nacionalista Galego do Carballiño considera improcedente e unha gran falta de respecto que o pasado venres, 28 de marzo, o goberno municipal (integrado por PSOE e PP) presentara no salón de plenos da Casa do Concello a programación de actividades que a Confraría da Vera Cruz ten previstas para a Semana Santa deste ano. Asemade, o BNG salienta “a presenza de imaxinaría relixiosa no propio salón, continuando coa práctica de mesturar o civil co relixioso; práctica contraria ao que corresponde coa sociedade civil laica da que formamos parte tanto no estado español coma, por suposto, no noso concello”.
A formación nacionalista subliña que “o alcalde e as concelleiras e concelleiros representan oficialmente a toda a poboación do concello cando asisten a actos de forma institucional, por tanto consideramos que se fai imprescindíbel establecer claramente a separación entre os actos institucionais organizados polo Concello do Carballiño e os que organice, neste caso, a Igrexa Católica”. Dende o BNG entenden que “nunha ociedade civil laica, a liberdade de culto é un dereito fundamental, polo que ningunha administración debe tomar partido por unha confesión en concreto como, neste caso está a facer a corporación PSOE-PP coa Igrexa Católica”.
No comunicado, asinado polo Consello Local do BNG, manifestasem finalmente, que “a nosa formación política respecta profundamente tódolos credos e tamén ás persoas que non profesan crenzas en ningún destes e, por tanto, consideramos que o mellor xeito da garantir os dereitos de todas e todos os veciños do Carballiño debe pasar, inexcusabelmente, pola non participación oficial da nosa Corporación en actos asociados a calquera relixión ou culto que, en todo caso deben cinguirse ao máis estrito sentimento persoal”.