UNED Ourense organiza un taller sensorial para adultos

AVANTAR ACTIVIDADES

UNED Ourense, na súa Aula da Rúa de Valdeorras, organiza o primeiro taller sensorial para adultos. Un taller eminentemente práctico e lúdico co que se traballarán as capacidades máis básicas do ser humano, os sentidos. Unha metodoloxía non tan teórica como adoita ser habitual, dado que o obxecto do mesmo así o require. En consecuencia, moi dinámico e atractivo para os participantes.
No taller sensorial realizaranse exercicios cos que traballaremos os sentidos visual, olfativo, táctil e gustativo, de xeito que aprenderemos a poñelos en práctica correctamente e sendo conscientes deles, e conseguindo mellorar as nosas capacidades sensoriais.
De tal maneira, que segundo en que ámbito laboral, por exemplo o do sector vitivinícola (moi estendido na zona de Valdeorras), o sector da alimentación e mesmo restauración, pode ser moi beneficioso para o desenvolvemento do traballo dos profesionais en traballos nos que se require unha capacidade sensorial óptima.
A estimulación sensorial que se desenvolverá no taller é beneficiosa para desenvolver os sentidos e a percepción, tamén para manter alerta á persoa e conectada co medio que lle rodea, realizando actividades nas cales se integran elementos visuais, auditivos, olfativos e táctiles. A estimulación sensorial axuda a utilizar incluso os sentidos danados, así como as habilidades residuais que queden nos mesmos.
O taller está impartido por Mª Eugenia Medina González, profesional dedicada á formación en diferentes ámbitos e sobre todo con experiencia en actividades para o desenvolvemento sensorial en adultos no sector vitivinícola.

O desenvolvemento do taller é o seguinte:

• 18 Novembro: Unha primeira sesión centrada na vista e o olfacto. Adestramento, práctica e identificación de aromas e xogos coa visión.
• 25 Novembro: Segunda sesión centrada no gusto e o tacto. Adestramento en sabores, prácticas e identificación. Adestramento en texturas e identificación das mesmas.