O PSdeG-PSOE de Melón denuncia ante a Garda Civil a Alberto Pardellas, concelleiro do PP, por inxurias, insultos e vexacións

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O PSdeG-PSOE de Melón informa da presentación dunha denuncia no posto da Garda Civil de Carballiño contra o concelleiro do Partido Popular e ex alcalde do municipio, Manuel Alberto Pardellas Álvarez por inxurias, insultos e vexacións ao remate do pleno municipal celebrado o pasado 26 de marzo. As e os socialistas explican que o edil popular “proferiu numerosos insultos contra o alcalde, a secretaria e a concelleira de servizos sociais”, situación que consideran “inadmisible” e que segundo sinalan “atenta directamente contra a democracia”.

Dende o grupo municipal socialista de Melón afirman que “xa é habitual que o señor Pardellas recorra os insultos nos plenos municipais”, pero tal e como apuntan “nesta ocasión superou todos os límites”. A denuncia foi presentada pola concelleira de servizos sociais, Fátima Barreiro Bernárdez, quen recibiu por parte do concelleiro do Partido Popular vexacións e insultos contra a súa persoa, no exercicio das súas funcións públicas como concelleira ao remate do pleno.

“Unha vez rematado o pleno, o edil do PP Manuel Alberto Pardellas, comezou a insultar ao alcalde, Emilio Luís Díaz e a secretaria dirixíndose a les con cualificativos tales como tonto, que eres tonto del culo”, explican dende o PSOE de Melón. Tras isto, o concelleiro do PP tomouna coa concelleira socialista, Fátima Barreiro, dirixíndose a ela entre berros nos seguintes termos “esta peixeira de merda, vaite lavar que cheiras. Vai pagar o que debes a Barbadás. Teño os papeis na casa, tonta, subnormal”. Posteriormente Pardellas chegou incluso a encararse con ela ca súa cara a escasos centímetros e verténdolle auga dunha botella que portaba por riba.

O alcalde de Melón, Emilio Luís Díaz Vidal, considera que este comportamento “é inadmisible nun concello e en calquera outro lugar por parte dunha persoa que é un cargo público e que di defender os intereses da veciñanza de Melón”. Ante uns feitos “tan graves”, o rexedor reclama ao presidente do PP galego, Alfonso Rueda, e ao presidente do PP provincial, Luís Menor, que “poñan coto de inmediato a estas actitudes antidemocráticas e vexatorias de quen foi alcalde de Melón e que actualmente é edil do PP no municipio”.

“Estamos falando dunhas faltas de respecto e insultos que son intolerables e dunha actitude agresiva impropia dun cargo público”, explica Díaz Vidal. Unha situación que tal e como subliña “non é nova”, posto que en practicamente en tódolos plenos “insúltanos tanto a min como a secretaria”. Situación que tamén se repite en Facebook, onde na súa rede social Paixón por Melón “chegou a publicar insultos contra a miña persoa e varios concelleiros”.

Ante a actitude agresiva de Pardellas e temendo “unha posible agresión”, a concelleira de servizos sociais, Fátima Barreiro, procedeu a presentar unha denuncia diante da Garda Civil, xa que segundo relata “xa houbo varios altercados con outros compañeiro e temo que a situación poida ir a máis, chegando incluso a agresión”.