A empresa Obras y Servicios Gómez Crespo SL iniciou os traballos de rehabilitación do edificio do número 19 da rúa de Santiago de Ribadavia, que será destinado a ampliar as instalacions do Museo Etnolóxico ubicado enfronte. A restauración do inmoble está financiada pola Secretaría de Estado do Ministerio de Cultura cun orzamento de 794.000 euros e está previsto que o prazo de execución sexa dun ano.
As obras permitirán o traslado do importante e antigo arquivo fotográfico que alberga o museo e que se achega ás 600.000 imaxes, según nos comenta a súa directora, María del Pilar Núñez, ademais de mobiliario, o que facilitará poñer a disposición dos investigadores un mellor espazo para o estudo dos fondos museísticos.
O edificio ubicado no número 19 da rúa Santiago de Ribadavia fora cedido en 2004 pola Xunta de Galicia ao Estado para que se poidera ampliar o Museo Etnolóxico. Trátase dunha edificación que ocupa en planta 55,5 metros cadrados que se completan con 37,5 de patio e unha superficie adxacente doutros 28,16 metros. A súa rehabilitación ampliará as instalacions do museo, que é de titularidade estatal e xestión transferida á Xunta de Galicia, e ocupa un palacete do século XVIII que foi reformado e ampliado no século XX.
O Museo Etnolóxico foi creado no ano 1969 por iniciativa de Manuel Chamoso Lamas, o investigador nado en Moldes (Boborás), na súa época de comisario de Patrimonio Artístico Nacional, baixo a denominación de ‘Museo de Artes y Costumbres Populares’, como sección etnográfica do Museo Arqueolóxico Provincial, ata adquirir a súa independencia como institución museal no ano 1993.