A Xunta de Galicia deu hoxe o primeiro paso para otorgarlle á Semana Santa do Carballiño a declaración de ‘festa de interese turístico de Galicia’, unha vez que esta decisión foi informada favorablemente polo Consello do Turismo de Galicia e tan só falta que o correspondente expediente sexa tramitado e aprobado definitivamente polo Consello da Xunta. Este órgano consultivo tamén acordou informar a favor desta declaración a festa das Carrozas do San Cidre, da localidade de Boqueixón (A Coruña); a feira tradicional dos Remedios, de Ponteareas (Pontevedra), e a feira cabalar do San Martiño de Francos, en Teo (A Coruña).
Dende o Concello do Carballiño e a Confraría da Vera Cruz víñase tempo traballando ante o departamento autonómico de Turismo na tramitación do correspondente expediente no que se solicitaba que a Semana Santa da vila do Arenteiro fose declarada de ‘interés turístico de Galicia’, unha meta que xa está máis próxima tras ser informada favorablemente polo Consello de Turismo e o seu pase posterior ao Consello da Xunta para a súa ratificación admistrativa.
A Semana Santa do Carballiño comezou en 1893 coincidindo coa fundación da parroquia de San Cibrao do Carballiño e a súa celebración conta cun profundo arraigamento popular en toda a comarca, se ben a súa consolidación vén sendo liderada pola Confraría da Vera Cruz, constituída en 2007, e que lle deu un pulo moi importante nos últimos coa elaboración dun amplo programa de actividades.
Un exemplo delo é a programación elaborada pola agrupación que preside Rafael Melero para este 2025, con tres conferencias, dous roteiros guiados, unha exposición, un concerto de música e seis procesións e actos litúrxicos que contarán co acompañamento de sete bandas, tres corais e oito saeteiros e saeteiras, que se veñen desenvolvendo dende o 31 de marzo pasado e que rematarán o 20 de abril co Domingo de Pascua. Entre as actividades, cabe destacar o pregón inaugural da Semana Santa, ao que deu lectura o pasado domingo o expresidente do Goberno de España, Mariano Rajoy Brey, no templo parroquial da Veracruz.
Outro dos eventos que serán declarados de interese turístico de Galicia son a festa das Carrozas de San Cidre, en Boqueixón, que acumula xa medio século de tradición e mediante a construción de carrozas artesanais pretende poñer en valor os traballos do agro e do rural, así como a gastronomía galega vinculado con estas tarefas. Tamén, a feira tradicional dos Remedios que se celebra en Ponteareas cada mes de setembro, e que persigue sobre todo fomentar o achegamento ao produto artesán galego ao tempo que divulga os oficios tradicionais. Finalmente, a feira cabalar de San Martiño de Francos, en Teo, organizada por vez primeira en 1557, pero que hoxendía é unha das citas máis importantes para os profesionais do mundo equino. Ademais de poder comprar e vender cabalos, tamén se amosan maquinaria agrícola ademais de artesanía, téxtiles e complementos relacionados coa práctica equina e os produtos da terra de outono.
Órgano de asesoramento
O Consello do Turismo de Galicia é o órgano de asesoramento, apoio e proposta para os asuntos referidos á ordenación, promoción, fomento e desenvolvemento do turismo. Está composto por representantes das consellerías en materia de infraestruturas, sanidade, economía, medio rural e cultura.
Tamén representantes das administracións locais propostos pola Federación Galega de Municipios e Provincias, as universidades galegas, así como representantes de establecementos hoteleiros, de restauración, turismo rural, axencias de viaxes, cámpings, guías de turismo, ademais de representación das organizacións sindicais, asociacións de consumidores e usuarios, entre outras.