Homenaxe a Victorino Gutiérrez Aller en Lalín co descubrimento dunha placa conmemorativa

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Este pasado sábado, a localidade de Lalín acolleu un emotivo acto de recoñecemento á traxectoria de Victorino Gutiérrez Aller, notario e cofundador da Irmandade Xurídica Galega, co descubrimento dunha placa conmemorativa na súa honra. O evento, organizado polo Concello de Lalín, destacou o seu papel crave na promoción do idioma galego dentro do sector xurídico e outras esferas profesionais.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Intervención do Alcalde, don Xosé Crespo. ( Premer na Imaxe )

A cerimonia, celebrada nun ambiente solemne, reuniu a autoridades locais, representantes institucionais e membros da comunidade para render tributo a quen foi descrito como «un gran dinamizador da lingua galega no ámbito xurídico». Os discursos resaltaron como Gutiérrez Aller logrou integrar o uso do galego non só no seu campo, senón tamén en sectores como a Administración pública, a Xustiza, a Educación e a Sanidade, sentando un precedente para a normalización lingüística en contextos formais.

Intervención do seu fillo Victorino. (Premer na Imaxe)

Nado en Lalín o 3 de abril de 1937 , o homenaxeado foi lembrado como unha figura crave na fundación da Irmandade Xurídica Galega, entidade que desde os seus inicios traballou pola defensa e difusión do galego en documentos legais e procesos xudiciais. «O seu labor foi esencial para demostrar que a nosa lingua non é un obstáculo, senón unha ferramenta de identidade e eficacia profesional», subliñaron os organizadores durante o acto.

Intervención do Secretario Xeral da Lingua, don Valentín García. (Premer na Imaxe)

A placa, instalada nun lugar emblemático de Lalín, simboliza o legado de Gutiérrez Aller como impulsor de políticas lingüísticas inclusivas. O alcalde recalcou a importancia de «honrar a quen, como el, constrúen pontes entre a tradición e o progreso»

Intervención de don Carlos Varela García ex-Fiscal Superior de Galicia

A homenaxe pechou cun chamamento para continuar o seu labor, reforzando o uso do galego en todos os ámbitos públicos. Un recoñecemento que, máis aló da placa, busca inspirar a novas xeracións a manter viva a lingua na profesionalidade e a vida cotiá.


Artigo publicado en badalnovas por Xosé González Martínez Secretario da Irmandade Xurídica Galega e Presidente Foro E. Peinador. Vicepresidente da Asociación de Amigos do Couto Mixto.


Coñecín a don Victorino Gutiérrez Aller, exnotario de Lalín, hai ben anos. Quizais foi a finais dos anos oitenta cando contactei con el mantendo unha longa amizade baseada no compromiso e  lealdade co país. Daquela, a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, á que el pertencía, decidira ampliar os espazos da galeguización nos usos xurídicos. Para sensibilizar a mobilizar a xuíces e persoal das notarias organizáronse xornadas de formación. Reforzarase aquel traballo intenso coa creación  do Seminario de Liguaxe Xurídica e Administrativa, con sede no Instituto da Lingua Galega, coas importantes achegas económicas  que fixeran trinta e cinco concellos (entre os que estaban Vigo, Ourense, Santiago…) a razón de 5 pesetas/habitante.

Levados polo entusiasmo convocamos  a un grupo numeroso de prestixiosos xuristas, onde foi deseñada a estratexia a seguir para normalizar o uso da lingua galega nos procedementos procesuais e notariais.

Por aqueles anos don Victorino publicou o Formulario Notarial, un manual con toda clase de protocolos de habitual tramitación. O libro levaba incorporado un disquete informático. Foi así como desactivamos a argallada de moitos notarios para non implicarse na galeguización dos actos xurídicos documentados. Victorino predicou co exemplo e converteuse  no epicentro da galeguización dos protocolos notariais; de vez redactou   máis de doce mil titulos de propiedade da concentración parcelaria na comarca do Deza en lingua galega.

Convertera o seu despacho profesional nunha aula de galeguización pola que pasaron moitos centos de persoas. De oficio escribía no noso idioma testamentos, actas notariais, constitución de sociedades mercantís e outros variados documentos. Despois da preceptiva lectura  dos instrumentos xurídicos perante os interesados, sempre había alguén sorprendido e desconfiado da súa validez que, iso si, con moito respeto preguntáballe: Don Victorino isto está en galego, e valerá?. Cun sorriso engaiolador, porque o notario de Lalín era un home afable e seductor, dicíalles que si. Ah!, sendo así, non se fale máis, sentenzaban os interesados.

Victorino foi sempre un bo conselleiro para os  que acudían á notaria para formalizar un testamento. Suxeríalles a todos que incorporasen unha manda referida á lingua galega que obrigase aos beneficiarios do legado que mantesen enceso o amor pola lingua e a cultura galega que el recibira dos seus devanceiros, para que a defendesen e llela retransmitisen a súa vez aos fillos.

Os protocolos notariais de Victorino son pezas de excelsa literatura xurídica, escritas nunha prosa de esmerado estilo; da mesma calidade que utilizou na escrita das súas obras literarias. Sempre fuxía da vulgaridade, propia de notarios que redactaban con desleixo documentos de tanscendental importancia para os interesados e  comunidade familiar. Dese bo facer queda un relato seu publicado no libro “Contos da Xustiza” editado pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística coa finalidade de animar aquel proceso galeguizador que aínda hoxe debemos seguir promovendo.

O próximo día 5 de abril, ás 13:30 horas, a Irmandade Xurídica Galega, en cuxa constitución puxo Victorino gran empeño, descubrirá unha placa conmemorativa louvando a súa memoria, no edificio núm 8 da Rúa Principal da Vila coa colaboración do Concello.

En xuño, coincidindo coa celebración da asemblea anual da Irmandade Xurídica Galega, está prevista a inauguración dun busto de bronce que será ubicado nas inmediacións da Facultade de Dereito de Santiago a carón do de Fermín Penzol, Rexistrador da Propiedade, para que os futuros xuristas teñan constancia, alomenos, de dúas figuras senlleiras do galeguismo xurídico.

Galicia, un pais no que unha porcentaxe moi significativa da poboación é propietaria dalgún ben, cómpre que o asociemos á lingua galega, formalizando a titularidade rexistral no noso idioma nos instrumentos xurídicos notariais.

*Presidente do Foro E. Peinador.