O BNG urxe un estudo sobre a calidade das augas dos ríos Arenteiro e Marañao polos verquidos detectados en Cea

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) do Carballiño fixo pública a súa preocupación e desconfianza sobre a xuntanza mantida pola alcalde de San Cristovo de Cea, José Luis Valladares, coa conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia, Ángeles Vázquez, e da que o rexedor asegura logrou o compromiso para a construción dunha nova EDAR (Estación Depuradora de Augas Residuais) para o seu municipio, ademais dunha subvención da Deputación de Ourense para as obras de separación das augas residuais e pluviais no núcleo urbano de Cea.

Dende o BNG carballiñés entenden que a actual EDAR de Cea segue sen funcionar e, por tanto, segue a verter sen control augas residuais no regato do Toxo, ao tempo que consideran que Valladares segue a ser o responsábel da xestión das augas residuais do seu concello. Ao respecto, os nacionalistas lembran que “aínda non transcorreu un ano dende a sentenza que o condenou a un ano de cárcere e un de inhabilitación na toma de decisións relacionadas coa xestión de augas”, e que “esta condena viñera tra-la denuncia de axentes da propia Consellaría de Medio Ambiente na que constataban un vertido da EDAR de Cea ao regato do Toxo, atopando unha grande cantidade de bacterias residuais no río Silvaboa, ou Marañao, no que desemboca o citado regato”.

A preocupación do BNG, subliñan, “é máxima tendo en conta que o rio Silvaboa, ou Marañao, desemboca no Arenteiro, a 100 metros augas arriba da captación de abastecemento para consumo humano dos concellos do Carballiño e Maside”. Neste sentido, apuntan que “co desexo de que a veciñanza dos concellos de Maside e do Carballiño poidan ter a máxima tranquilidade á hora de consumir a auga dos nosos ríos, tanto para uso doméstico como para bañarse nas súas augas ou consumir as troitas pescadas nelas”, están a levar a cabo unha serie de iniciativas.

A primeira delas consistíu nas preguntas rexistradas polo Grupo Parlamentar do BNG, a través da deputada Noa Presas, e dirixidas á Consellería sobre se a xestión das augas segue a ser responsabilidade do alcalde de Cea. Asemade, o grupo municipal do BNG na Corporación de Cea vén de formular varias preguntas á Alcaldía sobre este mesmo tema. Por outra banda, o BNG pedirá aos alcaldes dos Concellos de Maside e O Carballiño que soliciten da Confederación Hidrográfica, Augas de Galicia e Consellería de Medio Ambiente un estudo en profundidade da calidade das augas dos ríos Arenteiro e Marañao.