Manuel Rivas e Alberto Pombo gañan o “XL Premio Antón Losada Diéguez”

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O xurado do “XL Premio Antón Losada Diéguez” decidíu conceder os galardons a Alberto Pombo, no eido de investigación e ensaio, e a Manuel Rivas no de creación literaria, dotados cada un deles cunha asignación de 6.000 euros. O xurado reuniuse esta mañá na Casa do Concello do Carballiño baixo a presidencia de Diego Fernández, concelleiro de Cultura deste municipio, que xunto co de Boborás e a Deputacion Provincial de Ourense son as institucions patrocinadores do certame.

A obra “Verso e acorde. Relacións entre a literatura galega e a música pop (1950-2000)”, cuxo autor é Alberto Pombo e foi publicado por Edicións Xerais, foi, a criterio do xurado merecente do premio de investigación e ensaio, pola “sinalada contribución ao coñecemento da “outra música”, necesario contrapunto ao fulgor da música tradicional, reflectido na dedicación do día das letras galegas 2025 ás Cantareiras”.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Asemade, tamén destacan deste traballo que “unha documentada tese de doutoramento está na orixe desta obra fascinante, que trae á luz a relación entre a música popular e -pop, rock, punk, heavy metal, bravú, música infantil- e a literatura galega. Combinando a abordaxe historicista coa nova metodoloxía dos estudos culturais, Alberto Pombo desprega ante o público lector a obra dunha xeración que soubo arrequecer o panorama musical do século XX desde o compromiso coa cultura de noso”.

Por outra banda, o xurado decidíu outorgar o premio en creación literaria a obra “Tras do ceo”, de Manuel Rivas e tamén editada por Edicions Xerais. Neste caso, o xurado valorou a calidade literaria e lingüística dunha novela “que, recuperando elementos xa clásicos na produción do autor, constrúe un universo narrativo absolutamente actual, pois pon o foco no choque entre a natureza e unha civilización que se revela como destrutora do hábitat que nos fai seres humanos”.

De Manuel Rivas salientaron que “o autor manexa con suma habelencia unha progresiva tensión narrativa creada a partir de diversas situacións de desigualdade e explotación, violencia e destrución, que pairan sobre o texto para inducirnos á reflexión e a profundizar en emocións e sentimentos dificilmente expresables”.

Ademais de Diego Fernández, formaron parte do xurado Rosa María Pérez e César Fernández, concelleira de Cultura de Boborás e deputado provincial de Cultura, respectivamente; Lourenzo Fernández, da Real Academia Galega; Dolores Vilavedra, do Consello da Cultura Galega; María Xosé Fernández, do Museo do Pobo Galego; e por Antonio Salgado, Benigno Salgado e Carme Fernández, coma representantes respectivos das universidades de Santiago, Vigo e A Coruña. Actuou como secretaria Julia Rodríguez, do departamento de Cultura do Concello carballiñés.

O acto da entrega dos premios a Alberto Pombo e Manuel Rivas terá lugar o sábado 14 de xuño no pazo da familia Losada, na localidade de Moldes, pertencente ao municipio de Boborás.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------