A Escola Galega de Clowns organiza a primeira edición do festival “O Clowncurso”, que se celebra no Carballiño dende mañá, día 15, ata o 19 de abril coa colaboración do Concello e a Deputación de Ourense e no que participará un total de catro compañías do País Vasco, Navarra, Illas Baleares e Portugal. Ademais, haberá un curso intensivo de clown, “Caer na tentación”, a cargo de Caroline Dream, ao que asistirán 16 persoas.
O programa de espectáculos terá lugar no Auditorio Manuel María cun horario de inicio fixado para as 20,30 horas. O prezo da entrada para cada función será de 3€, con venta en taquillla, aínda que tamén se poñen a disposición bonos de 10 euros para poder asistir a todas as sesións, que se poden adquirir en AKlabe, Carling e Moon93. O festival ábrese mañá coa portuguesa María D’Alegría, que presenta “Umana”, unha viaxe cómica sobre o paso do tempo e o desexo da eterna mocidade. O mércores 16 será o turno de Heyoka Clown, de Bilbao, que ofrecerán “Lo que me sale de la concha”, unha historia máxica e imperfecta que nos lembra a beleza de ser auténticos.
Para o xoves 17, o navarro Mikel Osete presenta “The Return of Delirios”, un regreso triunfal, ou non tanto, con malabares, prestidixitación e moito humor. As funcions rematarán o venres 18 coa montaxe “Sin destino” dos mallorquins Clownómadas, que conta a historia dun pallaso errante que transforma a incertidume en poesía e risas. O festival finalizará o sábado, día 19, ás 20,30 horas, cunha mostra do curso impartido por Caroline Dream e a gala de entrega de premios aos mellores espectáculos, que optan a un primeiro premio de 1.500 euros.
O “Clownconcurso” contará tamém coa colaboración do Centro Comercial Aberto do Carballiño (CCA), que ofrecerá aos seus clientes a oportunidade de gañar un dos 10 bonos que permitirán asistir gratuitamente ás catro funcións principais do festival. As persoas interesadas deberán rexistrar os seus tickets de compra en https://comerciocarballino.com/o-clowncurso, de xeito que cada un dos vales dará dereito a unha participación no sorteo, e haberá máis posibilidades de gañar cantas máis compras se leven a cabo.
O sorteo terá lugar nas redes sociais do CCA o vindeiro 12 de abril ás 21,00 horas, consistindo o premio nun total de 10 bonos, cada un deles válido para asistir ás catro sesión.