A vila de Ribadavia acollerá do 1 ao 4 de maio a 62ª edición da Feira do Viño do Ribeiro, unha das celebracións enogastronómicas máis emblemáticas de Galicia. Este ano, a feira contará cunha programación reforzada grazas á coincidencia do festivo do 1 de maio cunha fin de semana longa, o que permitirá ofrecer ao público máis xornadas para gozar do viño, da música e, especialmente, da gastronomía de autor.
O evento contará cunha destacada presenza de cociñeiras e cociñeiros que representan a vangarda da cociña galega actual. A ourensá Begoña Vázquez, recentemente recoñecida como Cociñeira do Ano no Galicia Fórum Gastronómico 2024, achegará a súa visión creativa e emocional da cociña baseada en produto local. Propietaria do restaurante Regueiro da Cova en Verín e da Taberna Sousón en Monterrei, ofrecerá un obradoiro o sábado pola tarde. Tamén participará Gerson Iglesias, chef do restaurante erva no Hotel OCA Vila de Allariz, defensor dunha cociña vexetal, ética e sostible, quen intervirá no mesmo día ao mediodía.
O domingo será a quenda de Álvaro Villasante, chef do restaurante Paprica en Lugo e membro do Grupo Nove, cunha ampla traxectoria que inclúe estadías en cociñas como as de Sergi Arola, Ramón Freixa ou Ángel Palacios. Ao seu carón estará tamén Deisy Barrios Otarola, sumiller e propietaria de dous espazos gastronómicos de referencia en Galicia: Morrofino en Vigo (Bib Gourmand da Guía Michelin) e Pedra Furada na Coruña. Barrios será protagonista de varias catas e obradoiros os días 1 e 2, maridando viños do Ribeiro con produtos de Galicia Calidade.
A esta aposta pola excelencia súmase a participación de Willy Gómez, referente nacional na coctelería e no mundo do café de especialidade, fundador de Astro Café Roasters e impulsor de Moon 93 On the Road. O seu obradoiro de coctelería con viños do Ribeiro terá lugar o venres pola tarde e promete ser un dos momentos máis singulares da feira.
Todos os showcookings, catas comentadas e obradoiros celebraranse nunha carpa habilitada para a ocasión na Alameda de Ribadavia, que funcionará como espazo principal para as actividades gastronómicas. Xunto a ela, tamén no recinto feiral situado na Alameda e fronte ao Castelo dos Condes, estarán instalados os stands das adegas participantes, ofrecendo degustacións e venda directa ao público.
A inauguración oficial será o xoves 1 de maio ás 12,00 horas no palco da Alameda, tras unha recepción no Concello e a actuación da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense. Durante os catro días do evento, tamén haberá catas comentadas dirixidas polos sumilleres Tomás Ucha (DiverXO) e a propia Deisy Barrios, nas que participarán recoñecidas adegas como Casal do Canteiro, Casal de Armán, Viña Costeira, Pateiro ou Digna María Carrasco López.
A Feira do Viño do Ribeiro, organizada polo Concello de Ribadavia, reafirma o seu compromiso coa promoción do viño máis antigo de Galicia, e faino nesta edición cunha mirada posta na gastronomía como ferramenta de conexión entre territorio, produto e innovación cultural.