A traxectoria vital de Aurelio Miras Azor e da mítica bandoleira Pepa Loba entrecruzáronse onte a tarde na Casa do Concello do Carballiño na presentación da tradución ao galego de “La juventud de Pepa Loba”, novela que o mestre e avogado publicara no ano 1968. Nun ateigado salón de plenos, a doce voz da grovense Carolina Rubirosa e a súa guitarra puxeron música a un acto que contou coa presenza de familiares de Miras Azor, entre os que se atopabanos seus fillos Aurelio e Xan; do alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, e unha nutrida representación de persoeiros da cultura galega e da veciñanza.
Tras unhas verbas de José Luis Teófilo, responsable da editorial que vén de publicar “Mocidade da Pepa Loba”, foi o propio Xan Miras Portugal quen de facer unha escolma da traxectoria vital do seu pai dende o seu nacemento en Campo de Criptana, na provincia de Cidade Real, o seu paso pola universidade e as dificultades que tivo que afrontar a mediados do século pasado tra-la publicación da súa novela “El agüista”, cando a Corporación Municipal do Carballiño o tratou de “persoa non grata” no ano 1950 e tivo que exiliarse a Venezuela, para logo voltar para integrarse na sociedade da época.
O filólogo Gonzalo Navaza, da Real Academia Galega da Lingua, centrouse, pola súa banda, na figura da bandoleira e a aura que a envolveu ao traverso das lendas que iban xurdindo na contorna na que actuaba xunto a súa ‘gavilla’. Navaza resaltou o feito de que as súas accions cecais estivesen motivadas por unha vinganza persoal polo que lle ocorreu á súa nai, e tamén a súa condición de muller, ata a súa norte, ao redor do 1870.
O alcalde, Francisco Fumega, expresou a idea de reivindicar a figura de Miras Azor no mesmo salón de plenos no que fora agraviado pola Corporación, ademais de “reclamar” que as andanzas da Pepa Loba se circunscribían á comarca do Ribeiro, tal e como defendía Álvaro das Casas, e non polas do Deza ou Chantada.