Gabriel Alén destaca o proxecto Galicia Camiño Emprendedor como exemplo de concordia entre cultura e emprendemento

---------------------------------------------------------------------------------------------------------
  • O delegado territorial sinalou que a finalidade é apoiar ás persoas que teñen en mente iniciar un proxecto empresarial mediante un proceso de mentoring a través da realización das etapas do Camiño de Santiago
  • A etapa de hoxe, polo Camiño Mozárabe ou Vía da Plata, discorreu por terras de Xinzo de Limia, Allariz e San Cibrao das Viñas (Ponte Noalla)
  • Gabriel Alén destacou a oportunidade dos participantes para mellorar os seus proxectos e xerar contactos profesionais para avaliar o seu modelo de negocio e elaborar un novo plan de acción

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participou hoxe na 6º etapa do proxecto Galicia Camiño Emprendedor co que emprendedores galegos están a percorrer tramos do Camiño da man da Xunta e a Fundación Ronsel para impulsar o talento e o emprego; baixo o lema escollido para esta nova edición do programa, 12 etapas, 12 retos.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Gabriel Alén sinalou nesta etapa de hoxe, polo Camiño Mozárabe ou Vía da Plata, que discorreu por terras de Xinzo de Limia, Allariz e San Cibrao das Viñas (Ponte Noalla) baixo o reto da Viabilidade do emprendemento no rural, que a finalidade é apoiar ás persoas que teñen en mente iniciar un proxecto empresarial mediante un proceso de mentoring a través da realización das etapas do Camiño de Santiago. Nesta edición está prevista a participación dunhas 200 persoas entre emprendedores e mentores.

Gabriel Alén destacou a oportunidade dos participantes para mellorar os seus proxectos e xerar contactos profesionais para avaliar o seu modelo de negocio e elaborar un novo plan de acción, no caso de que sexa preciso, sempre da man dunha mentora ou mentor que se adapta á realidade de cada emprendedor.

Os retos que se propoñen acadar nesta ocasión están en liña cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). Na etapa de hoxe desenvolveuse o enunciado: o emprendemento como modelo de integración e xerador de igualdade de oportunidades.

A próxima etapa, a do mes de xullo, desenvolverase polo Camiño de Fisterra e Muxía entre os días 13 e 14 de xullo polo Santuario da Virxe da Barca (Muxía), Lires e Fisterra baixo o lema a transformación dixital como ferramenta da mellora laboral e profesional das persoas. O programa rematará en decembro en Santiago de Compostela, coincidindo coa capitalidade da economía social que este ano ostenta a cidade galega.

O proceso de mentoring é a clave deste programa, en palabras Gabriel Alén, co fin de intercambiar  experiencias profesionais e vitais que contribúan a facer do emprendemento “unha forza impulsora en Galicia”. A iniciativa desenvólvese desde o ano 2017 e conxuga a cultura galega co propósito de dinamizar o emprego en Galicia.

Os interesados en participar nas próximas etapas poden inscribirse a través da propia Fundación Ronsel, a páxina web da Consellería de Emprego e Igualdade ou a Oficina do Autónomo de Galicia.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------