Ribadavia convida a participar nos espectáculos, concursos e obradoiros do ‘Festival de Ilusionismo’

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

A cuarta edición do Festival de Ilusionismo “Ribadavia Máxica”, que comezou hoxe, converte as rúas, igrexas e espazos culturais da vila nun auténtico escenario máxico nesta Semana Santa. A programación continúa mañá con maxia infantil a cargo Meiga Belmonte (12,00h) e o concurso de novos talentos no Auditorio da Casa da Cultura (18,00h), onde o público será quen escolla ao gañador. Pola noite, José Rivera presenta o seu espectáculo de maxia de preto “En tus manos” no Restaurante Plaza (23,00h), e os Magos de Garda darán dúas sesión de “Maxia Impromptu”, unha no Kopa (20,00h) e outra no Meu (00,30h), ambas para maiores de 16 anos.

Xa o sábado 19, o programa comezará cun obradoiro de maxia infantil co Mago Deimi (10,30h), seguido dun espectáculo familiar con Patri Zenner e o seu show “A maxia da natureza” (12,30h), ambas na Igrexa da Madalena. A gran gala de maxia terá lugar ás 19,00 horas no auditorio, con Víctor Cerro, Patri Zenner e José Rivera, presentada por Pablo Estévez. O día rematará con sesións de “Maxia Golfa”, para adultos, da man de Magos de Garda primeiro no Garden (21,30h) e logo no Berlin 2.0 (00,15h), espectáculos recomendados para maiores de 18 anos.

Para o domingo 20, a programación pecha cunha conferencia de Jon Zabal baixo o título de “Mentalismo” na Igrexa da Madalena e pensada para os propios magos, que terá inicio ás 10.30 horas. Para participar na mesma é necesario unha entrada que pode adquirirse anticipadamente. O mesmo ocorre co ‘Cocido Máxico’ que pechará as actividades máxicas da Semana Santa ribadaviense, ao que só están convidados os magos e que se celebrará no Restaurante Plaza, con reserva previa obrigatoria.