A vila do Arenteiro contou onte coa visita de José Carlos Pérez Córdoba, coñecido como ‘Carlucho’, presentador e humorista cubano afincado en Miami, a capital do estado de Florida, e que está a iniciar a súa laboura coma corresponsal internacional de Latino Media Holdings en España. O fenómeno televisivo e radiofónico realizou unha entrevista ao alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, e tamén a Rafael Melero, presidente da Confraría da Vera Cruz. Asemade, tamén mantivo unha reunión de traballo cos concelleiros de Turismo e Cultura, Manuel Dacal e Diego Fernández, respectivamente.
Tanto nas entrevistas como na reunión de traballo, o comunicador puido coñecer os diferentes atractivos da vila co fin de situar ao Carballiño como destino turístico nos Estados Unidos ou mesmo para establecer vivenda para unha xuventude que co teletraballo busca mellorar a súa calidade de vida. As pulpeiras, A Veracruz, o termalismo, o Parque Municipal, a Semana Santa e as actividades culturais da vila, entre outras referencias, serán protagonistas do outro lado do Atlántico nos próximos días.
José Carlos Pérez, é coñecido pola súa carreira en América TeVé e actualmente en Mega TV con ‘El Show de Carlucho’. Este presentador cubano é un referente do humor e a cultura cubana. O seu salto a Europa como corresponsal busca acercar a riqueza da cultura galega á comunidade latina en Estados Unidos. ‘Carlucho’ realizou a visita da man do productor Enrique Domínguez, director de Enjoy Galicia, con quen percorrerá diferentes puntos do país.