Como xa é tradición, a comarca de O Ribeiro celebrará mañá a Pascua da Resurreción coa romaría que se celebra na localidade de Areas, na parroquia de Esposende (Cenlle). Así, neste domingo de Pascua, 20 de abril, terá lugar ás 18,30 horas a procesión de subida da imaxe da Virxe dende a igrexa parroquial de Santiago de Esposende ata o Santuario de Areas, onde se oficiará a santa misa.
Xa o luns, día 21 de abril, Luns de Pascua, no mesmo santuario haberá misas ás 9,00, 10,00 e 11,00 horas, rematando a xornada litúrxica ás 12,00 con procesión e misa solemne, tamén no propio Santuario de Areas. Tanto mañá coma o luns celebrarase unha festa popular con bandas, orquestras e grupos musicais, que amenizarán a verbena pola noite.
A devoción á Virxe de Areas remóntase aos principios do século XVI, cando o párroco de San Lorenzo da Pena (Cenlle) decide fundar unha capela na honra da Nosa Señora da Aurora. Dende entón, famosas foron as desputas que no século XIX protagonizaron os veciños de Esposende, Lentille e Pazos Ermos para decidir cál destes pobos debía custodiar a imaxe da Virxe e xestionar o santuario.