Ribeiro en Común solicita a paralización da suba da taxa de auga en Ribadavia

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Ribeiro en Común vén de presentar este luns unha moción na que pide que o Concello de Carballiño paralice a suba da taxa da auga prevista para 2025, que, según esta formación política está xerando importantes protestas e malestar entre os veciños. Este grupo da oposición subliña que “o goberno local pretende esconder a súa responsabilidade detrás da empresa concesionaria, pero o único responsable da subida é o goberno, como se demostra nas actas das xuntas de goberno, e en que é competencia do goberno local exclusivamente o de aprobar o listado cobratorio da taxa do subministro de auga e saneamento”.

Así, a xunta de goberno correspondente ao mes de abril vén de establecer o periodo cobratorio 2025 do 1º trimestre entre o 7 de abril e o 15 de xuño, para que os veciños realicen este pago, e, según Ribeiro en Común, “o malestar veciñal reside en que hai unha subida exponencial, que no caso dalgúns fogares e negocios significa o dobre da taxa 2024, suba que non obedece a un aumento en investimentos na rede  nin a unha mellora no servizo municipal”.

Por outra banda, o grupo de Ribeiro en Común lembra que “recentemente, o goberno local do PP vén de subir de maneira abusiva tamén outra taxa de competencia municipal, a do servizo de recollida de lixo que, aínda que xestiona a Deputación, é titularidade e responsabilidade directa do Concello de Ribadavia”. Engaden que “no Pleno de xuño do 2024 xa o advertíamos, cando denunciabamos e rexeitabamos o cambio de ordenanza que fixo o goberno, e que supón agora a subida das taxas deste servizo, ás que se veñen unir as de Axuda no Fogar (SAF) e de Xantar na Casa, e que acaban por gravar aos fogares máis vulnerables”.

Dende Ribeiro en Común aseguran que “Non é unha escusa crible que a subida obedece a que a factura integra agora o servizo de “sumidoiros-alcantarillado”, e que este xa non se calcula en función do valor catastral e si do consumo. A realidade é que este formato de cobro foi decisión plenaria aprobada pola maioría absoluta do goberno do PP en solitario”, e que xa advertiran das repercusións desta decisión no pleno da Corporación.

Por todo isto, Ribeiro en Común pide na súa moción que o Concello paralice este novo “taxazo” e aprobe unha taxa municipal da auga cunha subida que sexa proporcional, moderada e progresiva para os fogares e negocios, para destinala a investimentos na rede e repercutindo na mellora do servizo que presta o Concello.