Un ano máis, o Concello do Carballiño convoca o programa municipal de conciliación familiar que promove a mellora na corresponsabilidade para acadar un mellor equilibrio na esfera profesional, persoal e familiar dos seus membros. O ‘Divertiño 25’ porase en marcha o día 23 de xuño, no que se realizarán diferentes actividades lúdicas en horario de mañá de 7,30 ás 14,00 horas durante o período vacacional do verán, acabando o 9 de setembro. Este programa contará cun servizo de almorzo a partir das 8,00 horas.
Os requisitos para poder solicitar praza contemplan que os participantes serán menores, con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos, escolarizados nalgún centro de ensino do municipio do Carballiño e estar empadroados no mesmo. O prazo de inscrición neste ‘Divertiño 25’ abrirase o vindeiro venres, día 2, e rematará o día 15 deste mesmo mes de maio.
As familias interesadas poden completar a información e recoller os formularios de inscrición na páxina web municipal www.carballino.gal (no apartado de taboleiro de anuncios) ou ben nas dependencias do departamento de Servizos Sociais, situadas no número 10 da rúa Faustino Santalices, podendo solicitar información chamando o teléfono 988 531 076.