O concello de Ribadavia plantea a construción dun albergue na estación de ferrocarril

  • O Goberno municipal leva meses traballando no acordo para a cesión da estación que xa só está pendente de asinarse e, paralelamente, na redacción do anteproxecto do “Albergue Estación Liberdade”.

O Concello de Ribadavia plantea a construción dun albergue na estación de ferrocarril de Ribadavia. O proxecto do futuro “Albergue Estación Liberdade” contempla a recuperación como albergue da estación de ferrocarril e adecuación da contorna, coa introdución dunha materialidade máis acorde ao medio coa introdución da vexetación e a reconstrución do quiosco das irmás Touza, permitindo tamén recuperar a memoria senlleira desta estación de tren a través da figura destas irmás que axudaron a moitas persoas a escapar da persecución Nazi.

As actuacións pretenden a resolución dun programa funcional para un albergue de 32 prazas, e convertilo nun edificio accesible, bioclimático e con pegada de carbono negativa. A reforma converterá a edificación nun albergue polivalente con programa aberto e adaptatado ás circunstancias e requerementos sanitarios actuais en canto á hixienización, deseñandose cada praza coma unha cápsula estanca e segura ante calquera axente ambiental. Será un establecemento vangardista fronte á Covid-19.

AVANTAR ACTIVIDADES

A inversión total para a construcción do albergue, tal e como recolle o anteproxecto, será de 822.808,94 €, correspondendo 654.052,66 € á reforma do edificio da estación e 168.756,28 €  á contorna, incluindo urbanización e reconstrucción do quiosco das Irmáns Touza. O goberno municipal leva meses traballando no acordo para a cesión da estación, que xa só está pendente de asinarse, e paralelamente iniciáronse os traballos de redación de estudo previo e anteproxecto co estudo MOL Arquitectura, recentes gañadores do premio Galego de Rehabilitación concedido pola Xunta de Galicia.

O alcalde de Ribadavia sinalou que “Levamos traballando neste proxecto dende o mes de maio de 2020, momento no que mantivemos os primeiros contactos coa autoridade ferroviaria e que comezamos o traballo de redación do antrepoxecto. Hoxe temos o acordo pechado e xa só falta asinar o documento de cesión que se recibirá nestas semanas, para dese xeito comezar a traballar para que a “Estación Albergue Liberdade” sexa pronto unha realidade.”

César Fernández afirmou que “Para nós é tamén un valor engadido traballar no proxecto do “Albergue Estación Liberdade” con un estudo coma MOL Arquitectura, que ven de gañar o premio galego de rehabilitación por unha vivenda en Saa, no concello de Carballeda de Avia. O resultado final será un albergue vangardista fronte á COVID-19, e ao mesmo tempo será un lugar de recuperación da memoria da historia das Irmás Touza, símbolos eternos da liberdade en Europa.”