O Psdeg-Psoe e as xuventudes socialistas esíxenlle a Feijóo que poña vacinas a disposición da xente moza e que deixe de empregalos como “saco de boxeo” e culpabilizalos

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O voceiro municipal, Rafael Rodríguez Villarino, apunta a que a mocidade ourensá e galega “é responsable e está farta de ser acosada dende o goberno galego, culpabilizándoa dos contaxios da COVID”

O secretario das XSG en Ourense, Xurxo Doval, esíxelle “coherencia” ao PP da cidade e que lle transmitan a Feijóo que “nos poña no punto de mira da vacinación e da activación de Ourense”

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

 O PSdeG-PSOE de Ourense e as Xuventudes Socialistas de Ourense ofreceron esta mañá unha rolda de prensa na que lle esixen ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que poña vacinas a disposición da mocidade e deixe de empregalos como “saco de boxeo” para culpabilizalos dos contaxios co fin de tapar a súa “nefasta xestión” da pandemia. Socialistas e Xuventudes afirman que cando se fala do problema do coronavirus “os culpables son sempre a xente moza, pero nunca as decisións do señor Feijóo”.

Estas declaracións coinciden coa entrada en vigor esta fin de semana das novas medidas aprobadas polo goberno galego e que os socialistas consideran “restritivas” coa mocidade, xa que con estas novas restricións, a mocidade non poderá consumir no interior dos locais de hostalería da cidade de Ourense sen presentar cartilla de vacinación ou PCR negativa o que supón “un custo desorbitado para unha mocidade sen recursos, sen emprego e sen outras alternativas de ocio na cidade”.

Para o secretario das Xuventudes Socialistas de Ourense, Xurxo Doval, a actitude de Feijóo lémbralle a do can do hortelano que “nin come nin deixa comer” e censura que o presidente da Xunta “critique ao Goberno central por non tomar medidas que primeiro lle esixe e que logo parécenlle malas”. O líder da organización xuvenil dos socialistas en Ourense tamén denuncia que o PP “quérenos pechar encubertamente nos nosos fogares no mes de agosto a 40 graos, nunha cidade na que alternativa ao ocio nocturno está totalmente desaparecida”.

Para Doval e as Xuventudes Socialistas de Ourense, a situación “é preocupante, xa que levamos 11 anos no que Feijóo amosa unha especie de fobia cara a mocidade galega, e en concreto cara a ourensá en tódolos ámbitos, xa sexa educación, emprego, migración e agora tamén en sanidade”. O máximo responsables das XSG en Ourense critica tamén que durante todas as ondas provocadas pola COVID-19 “os mozos e mozas fomos os culpables, a pesar de ter índices de positividade do 2%, como aconteceu na segunda onda ou do 0.5% na terceira”. Doval esíxelle ao Partido Popular da cidade de Ourense que “teña coherencia” e que “lle transmitan a Feijóo que nos poña no punto de mira da vacinación e da activación da nosa cidade, xa que ata o de agora somos os mártires dunha política nefasta en xestión da pandemia”.

Pola súa banda o voceiro municipal do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino apunta a que a mocidade “é responsable e está farta de ser acosada dende o poder, culpabilizándoa dos contaxios da COVID”. O secretario provincial apunta que “é moi fácil sinalar culpables e evitar mencionar cales son as responsabilidades do goberno galego”. Tamén subliña que Feijóo “esqueceuse de que a xuventude carece agora de recursos para vivir en normalidade porque ten vetada a entrada á hostalería, xa que non poden permitirse o custe dos test a causa dos recursos minguados”.

Villarino tamén aproveitou para sinalar que do goberno municipal “pouco hai que dicir e nada que esperar, aínda que estea o PP, que xa estaba antes e nada se fixo”. O líder dos socialistas ourensáns esíxelle a Feijóo que “poña vacinas a disposición da xente moza e deixe de culpabilizalos, porque non hai outra solución”. Tamén apunta a que a mocidade “é responsable e toma medidas cando hai un compañeiro ou amigo positivo, autoconfinándose” e finaliza afirmando que “non hai ningunha discusión e temos unha xuventude preparada e responsable, todo o contrario co goberno galego e co goberno desta cidade”.

Dende Xuventudes Socialistas de Ourense denuncian o que consideran un “acoso” cara a mocidade e critican que con este método de culpabilizalos dos contaxios “estanse tapando realidades como a falta de emprego e oportunidades na cidade de Ourense, onde non hai cultura, onde non podemos facer nada e onde este tipo de políticas limitan os nosos movementos”.