O PSdeG-PSOE denuncia o uso reiterado de contratacións temporais para cubrir necesidades estruturais no Concello de Leiro

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Os concelleiros do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Leiro, Pedro José González González e Manuel Rodríguez Vázquez, veñen de presentar por rexistro un escrito dirixido ao alcalde no que denuncian a reiteración sistemática de certas persoas nos procesos selectivos de contratación temporal promovidos polo Concello. Segundo sinalan, tras revisar diversas resolucións de Alcaldía, observouse que determinados candidatos son contratados con frecuencia cíclica, en períodos de catro a nove meses, o que suxire que se estarían utilizando os contratos temporais para cubrir funcións recorrentes e estruturais.

Esta situación, advirten, podería vulnerar os principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade, así como a legalidade vixente tanto na normativa laboral como na función pública. En palabras dos concelleiros socialistas, “o Concello non pode seguir utilizando a contratación eventual para cubrir postos que claramente responden a necesidades permanentes. Non se está garantindo a igualdade de oportunidades nin a transparencia no acceso ao emprego público”.

O grupo socialista de Leiro solicitou formalmente “que se revisen os expedientes de contratación dos últimos anos, que se elabore un informe técnico que xustifique as contratacións e que se valore a creación de prazas estables cando así o requira o servizo”. Ademais, advertiron que de non tomarse medidas inmediatas, valorarán poñer o caso en coñecemento da xustiza ou trasladalo a organizacións especializadas na defensa do emprego público.

Deste xeito, o PSdeG-PSOE de Leiro reafirma así o seu compromiso coa legalidade, a xustiza social e a defensa dos dereitos de todas as persoas que aspiran a acceder ao emprego público en condicións de igualdade.