O presidente do Partido Popular de Ourense, Luis Menor, pediu aos populares do Carballiño un “compromiso intenso” de traballo que permita sentar as bases dun partido que ofreza “un proxecto político ilusionante” á cidadanía. Luis Menor trasladou esta mensaxe logo de asistir á constitución da xestora local do PP do Carballiño, que preside desde agora Jaime Pérez, logo da aprobación o pasado martes por parte do Comité Executivo provincial da posta en marcha deste órgano provisorio.
A laboura de organización do partido, apuntou o presidente provincial, tamén será beneficioso para o grupo municipal, “porque os máis de 14.000 habitantes do concello, o segundo municipio con maior poboación da provincia, merecen a nosa máxima atención”. Para pilotar esta nova etapa, engadiu Menor, “confiamos o traballo a un home con ampla experiencia no partido, mesmo no labor municipal”, que contará cun numeroso equipo “ao que lle pide apoio absoluto para afianzar a nosas siglas”.
Pola súa banda, Jaime Pérez asume esta nova responsabilidade cun obxcetivo ben definido: “Contribuír a que o Partido Popular do Carballiño sexa aínda máis forte”, e baixo esta premisa vai procurar a incorporación de máis cidadáns e consolidar esta formación política no municipio.
Cunha traxectoria profesional vinculada ao mundo da empresa, Jaime Pérez Álvarez (O Carballiño, 1975) pertence á agrupación local dos populares desde hai 15 anos, aínda que con anterioridade xa fora concelleiro no mandato 2003-2007.