https://www.facebook.com/share/v/166CC5f7dW
O municipio de Punxín, e máis concretamente a súa capitalidade, celebraron nesta fin de semana as festas na honra do seu patrón, San Wintila, que tradicionalmente se centralizan na xornada na que se cumpre unha semana despois do Luns Santo. A programación deste 2025 contemplou unha ampla serie de actividades relixiosas, gastronómicas e de lecer, organizadas pola comisión organizadora.
Así, os festexos abríronse ao mediodía do sábado cunha foliada, mentres que pola noite a veciñanza e visitantes puideron desfrutar dunha animada verbena a cargo da orquestra Los Players e a discoteca móvil Euphoria Disco Show.
Xa o domingo tivo lugar, ás 12,00 horas, a tradicional procesión con San Wintila subido nun carro tirado por bois, que partindo da igrexa parroquial de Santa María de Punxín percorre un tramo da estrada Ourense-Pontevedra (N-541), co acompañamento musical da banda de gaitas Os Xuncos, ata o campo da festa, onde se oficiou unha misa solemne.
A veciñanza de Punxín lembra con esta procesión ao San Wintila, o ermitaño non canonizado, que morreu no ano 890 e cuxo sarcófago foi levado nun carro tirado por bois, coa curiosidade de que un procedía da localidade de Freás e o outro do propio Punxín, de xeito que eles mesmos decidiron “tirar cara abaixo” e parar no lugar no que agora se levanta a igrexa, construída no século XII, tal e como nos comentaba Jonatan Veiga, da comisión organizadora. Na parte dereita da edificación está ubicado o sarcófago visigótico que garda os restos do santo.
Tra-los oficios relixiosos, a organización preparou un xantar popular no campo da festa cun menú composto de empanada, churrasco mixto, criollos, ensalada, pan, postre, viño, auga, café e licores, a un prezo de 20 e 12 euros, respectivamente, para adultos e menores de 12 anos. A xornada rematou coa actuación do trío 3.COM e a discoteca móvil Liñares Factory.
O domingo comezou con misas na igrexa parroquial ata as 12,30 horas, coa procesión do santo e misa solemne, co acompañamento do grupo folclórico Feitizo de Pau e coa armonización do Orfeón do Carballiño, mentres que pola tarde levouse a cabo no adro parroquial da subasta de produtos da horta e avícolas, tendo en conta que San Wintila está considerado coma protector dos colleitas e dos animais do rural.