O BNG traslada as queixas cidadás sobre o deterioro da área de hospitalización do Cristal ao Parlamento galego e pide transparencia sobre a seguridade laboral e industrial así como reactivar e acelerar as obras do novo edificio de hospitalización para ter unha sanidade propia do século XXI
Ourense, 29 de abril de 2025. A deputada nacionalista por Ourense, Noa Presas, xunto co tamén deputado Iago Tabarés, rexistrou iniciativas no Parlamento Galego tras coñecer as novas queixas de persoas usuarias que denunciaron esta fin de semana a situación de deterioro crecente da área de hospitalización do Cristal, “unha situación que non é nova, que xa ten sido obxecto de críticas de persoal e usuarias nos últimos anos e ante o que unha Xunta que privatizou o mantemento non actúa, deixando imaxes impropias do século XXI con retretes oxidados, luces e mobiliario roto e desconchado”.
Desde o BNG recordan que “O deterioro das infraestruturas do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, singularmente do Edificio Cristal e do Materno-Infantil, está a ser obxecto constante de distintos problemas nos últimos anos e de queixas tanto por parte das e dos profesionais como das e dos usuarios, ao ter problemas recorrentes e ao chegar a unha situación de deterioro insostible”.
“Hai un mes coñeciamos o terceiro derrube en menos de dous anos do Materno. E días despois, o 9 de abril, producíase un novo rebentón de tubaxes no Cristal. Esta situación, lonxe de obedecer a problemas puntuais dunhas instalacións amplas e complexas, evidencian un deterioro moi avanzado que obedece a falta de investimento, falta de fiscalización e falta de mantemento” en engade, “un servizo, por certo, o de mantemento, que foi progresivamente privatizado e externalizado e froito de constantes problemas laborais que tamén teñen sido denunciados tanto sindical e socialmente como no ámbito do Parlamento Galego.”
Noa Presas considera un “escándalo esta situación e que o novo edificio de hospitalización se paralice sen explicación. Esta situación é de por si impropia dunha sanidade do século XXI. As queixas de persoal, doentes e familiares, sumado aos distintos incidentes de coñecemento público, son a punta do iceberg dunha situación insostible e sobre a que é necesario actuar en dúas direccións”.
“Por unha banda transparencia respecto do estado real das instalacións e actuacións urxentes en dous sentidos, acelerar as infraestruturas en construción e actuar de forma inmediata para facer arranxos que garantan a seguridade industrial, laboral e das persoas que usan a infraestrutura e que permitan un uso máis seguro e cómodo mentres se localicen os servizos nestas partes do Hospital.”
Por estes motivos, a Organización nacionalista pide no Parlamento galego explicacións, reactivar e acelerar as obras de construción do novo edificio de hospitalización do Complexo Hospitalario de Ourense “e que se fagan públicos os informes referidos á seguridade industrial e laboral así como todas as actas de inspección e de incidentes dos últimos 10 anos conforme foi solicitado polo BNG”.